Unha "viaxe-denuncia". Foi o formato elixido este luns polas deputadas do BNG por Lugo e Ourense, Olalla Rodil e Noa Presas, para "escenificar" as dificultades que tornan en practicamente imposible realizar con tempos e frecuencias aceptables a viaxe en tren entre a capital lucense e a cidade de Santiago. Ao periplo iniciado por Rodil ás once e dez da mañá na estación de Lugo uniuse Presas en Ourense e a "aventura" non rematou ata unhas cinco horas despois cun gasto de 30,20 euros dende Lugo.
A viaxe directa por tren entre Lugo e Santiago é irrealizable por non existir conexión ferroviaria entre ambas cidades. Así, o camiño que "recomenda" Renfe e dirixirse ao sur, por Monforte cara a Ourense. Ese foi o traxecto emprendido por Rodil ás 11 da mañá -o seguinte convoi partía ás catro da tarde- tras mercar o correspondente billete por 11,35 euros. Dúas horas despois o tren procedente de Lugo chegou á capital ourensá e as deputadas tiñan diante de si "dúas opcións para continuar o traxecto": escoller o 'Rexional' -9 euros e máis dunha hora e media- ou o Avant, a opción máis rápida -38 minutos-, pero que non partía ata as tres e media e cuxo custo se achegaba neste caso aos 17 euros. En total, os devanditos 30,20.
A inexistencia dunha conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago obriga a desviarse ata Ourense: "leva o dobre de tempo que viaxar de París a Londres" ou "dez veces máis que de Vigo a Santiago"
"Chegar dende Lugo a Santiago leva o dobre de tempo que viaxar en tren de París a Londres" ou "dez veces máis que ir de Vigo a Santiago", resaltou Rodil tras chegar a Santiago pasadas as catro da tarde. "Esta viaxe demostra que as conexións ferroviarias con Lugo son terceiromundistas, non é entendible a discriminación en materia ferroviaria coas provincias do interior", di. Neste contexto, agrega Presas, cómpre tamén "denunciar" os prezos dos billetes e "o abandono da liña reaxional, que deixa fóra do tren a concellos que ata agora si estaban conectados por ferrocarril". "Merecemos un tren que nos conecte con prezos e horarios acaídos, non estamos pedindo ningún luxo exótico", afirma a deputada ourensá.
Esta "trainmovie", que Rodil e Presas relataron tamén a través das redes sociais, pretende demostrar que "non imos esquecer esta cuestión e temos iniciativas para facer seguimento" dela co obxectivo de "denunciar un estado inadmisible do sistema ferroviario" alén do eixo atlántico. "O interior tamén existe, Lugo e Ourense existimos", evidencian, nun contexto no que, formalmente, a única viaxe que Renfe oferta de Lugo a Santiago é a que parte ás catro da tarde da cidade da Muralla e, previo paso tamén pola capital ourensá, remata en Santiago case tres horas despois por algo máis de 20 euros.