O grupo municipal Ciudadanos (C's) en Ferrol rexistrou esta semana unha moción que será debatida no pleno do vindeiro xoves "relativa á adopción de medidas oportunas para restablecer a situación de legalidade vulnerada pola aprobación da Ordenanza de Normalización Lingüística do 27 de xuño de 1997". Na devandita moción, o partido laranxa pide a derrogación de seis artigos desta ordenanza aprobada hai case vinte anos polo goberno popular de Juan Blanco.
Ciudadanos pide a derrogación de seis artigos da ordenanza municipal aprobada hai case vinte anos
Foi o BNG quen denunciou as intencións de Ciudadanos e acusou a formación de, baixo a desculpa dunha suposta e falsa “imposición do galego”, pretender "converter a vítima en verdugo", ademais de situar esta iniciativa na liña de asociacións como Galicia Bilingüe, asociación á que apoiara a formación laranxa na polémica manifestación contra a normalización da lingua galega en 2009.
Na súa proposta, Ciudadanos pide que se supriman até seis artigos da actual Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol entre eles aquel que indica que "o galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Ferrol" ou no que tamén se indica que "as actuacións administrativas realizadas en galego en territorio municipal terán plena validez e eficacia".
Segundo puido saber Praza, na moción de Ciudadanos tamén se solicita a anulación de artigos que teñen que ver coa promoción e impulso do galego por parte de empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto; coa posibilidade de comunicación na lingua propia con administracións, ademais de en castelán; así como o que incorpora entre os criterios para a selección de persoal dos coñecementos mínimos do idioma de Galicia.
O partido laranxa pide que se suprima o artigo que declara o galego como "idioma oficial do Concello de Ferrol"
O texto baséase nunha sentenza do ano 2006 do TSXG na que se declaraban ilegais varios arigos da ordenanza do Concello das Pontes, e que é "idéntica" á de Ferrol, segundo a moción. Daquela, a normativa pontesa fora impugnada pola Delegación do Goberno por considerala inconstitucional. O TSXG engadira ademais que a ordenanza vulnera tamén o Estatuto de Autonomía. Agora, o obxectivo de Ciudadanos é a derrogación dos seis artigos para "garantizar la igualdad de derechos lingüísticos de todos los ciudadanos en sus relaciones con el Concello". A organización Galicia Bilingüe xa emendara ordenanzas semellantes, como a que fora aprobada en Lugo por BNG, PSdeG e PP en 2012.
O BNG critica a proposta de C's e asegura que "se as intencións fosen boas, no sentido de acadar unha ideal igualdade entre o galego e castelán, Ciudadanos estaría a reclamar máis usos sociais e públicos para o galego". Así, a concelleira do Bloque, Eva Espiñeira, indicou que "a realidade paralela e inventada sobre a imposición do galego non ten nada que ver coa realidade existente".
A moción de C's baséase na sentenza do TSXG que en 2006 emendara a ordenanza das Pontes tras unha impugnación da Delegación do Goberno
"A actual situación do galego é cada vez máis dramática, e os datos móstrannos que o monolingüismo en castelán segue medrando entre os galegos e galegas, mentres a porcentaxe de nenos e nenas que non falan nunca o galego incrementouse nos últimos anos en 18 puntos. Só un 13% dos nenos se expresan en galego", lembrou a edil nacionalista.
Ademais, o BNG aproveitou para indicar que o actual goberno municipal de Ferrol "carece dun compromiso real e efectivo cao promoción da nosa lingua" e o instouno a desenvolver unha "acción decidida para conseguir unha normalización real da lingua galega no Concello, emprezando por cumprir a Ordenanza de Normalización Lingüística e a desenvolver o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".