"Co PP no Goberno, o impulso maioritario dos vascos é cara á independencia"

Mitin de Amaiur CC-BY-NC-SA amaiurinfo

Luis María Salgado, representante de Alternatiba e procurador de Bildu nas Xuntas Xerais de Araba, prioriza o perfil de esquerda sobre o nacionalista e insiste na unión das forzas de esquerda como "positivo" para dar resposta a unha crise "creada por un sistema que hai que modificar". Coa súa formación incluída tamén en Amaiur, confía en que a coalición entre "con moita forza no Parlamento vasco" e tamén en que os procesos abertos no nacionalismo e na esquerda galega "cheguen a bo porto" e dean lugar "a unha forza importante na paisaxe política" do país. O pasado sábado, asistiu como convidado á asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista. 

Que opinión lle merecen os pasos que se están a dar en Galicia de cara a conformar unha nova formación política de esquerdas de cara ás vindeiras eleccións?

Cualquera iniciativa que vaia encamiñada á unificación de forzas da esquerda para se contrapoñer ás políticas noliberais e á dereita que goberna nas institucións do Estado e en Europa e que sirva para crear un novo discurso que nos achegue a dar novas solucións a esta crise sistémica, sempre é benvida. A nosa ilusión é que todo isto chegue a un bo porto e que se conforme unha forza importante dentro da paisaxe política galega.  

Cal é a posición de Amaiur respecto do proceso político e económico que se está a dar na Unión Europea? Comparten as críticas de moitas formacións de esquerdas?

Ao final, o que hai que ter claro é que esta crise é unha crise sistémica, provocada polo propio sistema capitalista, polos mercados, pola economía e por esquecerse das persoas para que a economía sexa o centro das actividades humanas. Iso non se modifica da noite á mañá, senón que ten que ser un cambio aos poucos. O cambio ten que ser de raíz, polo que a revolución será global, pero haberá que facela desde o local. É imprescindible buscar alternativas ao sistema capitalista. Nestes momentos, Europa non existe. Europa é un engano. Aos poderes económicos interesoulles sempre ter un espazo económico libre de fronteiras, pero Europa non ten un goberno máis aló do goberno financeiro que representan a OCDE ou o Banco Central Europeo, e estáselles permitindo dar golpes de Estado en países como Grecia ou Italia. Hai que facer unha verdadeira unión de pobos europeos, pero a Comunidade Económica Europea, como tal, non é un camiño válido para saír da crise.

"Europa non existe, é un engano; non ten goberno máis aló da OCDE e do Banco Central"

Amaiur enfrontará en breve unhas eleccións nas que as enquisas prevén a súa vitoria. Será a autodeterminación ou a independencia un dos obxectivos da coalición?

Aquí hai que que matizar. En Amaiur estamos diferentes forzas e a min correspóndeme facer o discurso de Alternatiba e, desde esta forza, non nos plantexamos unha Euskal Herria independente, senón o dereito do pobo a decidir o seu futuro, sexa dentro do Estado ou creando o seu propio. O que temos moi claro é que o que non nos gusta é o sistema. Se para poder modificar o sistema, vemos máis fácil facelo fóra do Estado español, desde logo que defenderemos facelo así. Nestes momentos, co PP no Goberno español, o impulso maioritario da sociedade vasca é cara á desanexión, porque cada paso que dan afástanos un chisco máis dunha sociedade socialista, xusta, equitativa, por e para as persoas.

"Alternatiba non defende a independencia de Euskal Herria, senón o dereito do seu pobo a decidilo"

Sorprendéronlles os resultados de Bildu e Amaiur nas últimas convocatorias electorais?

Soprendeunos e dicir o contrario sería mentir. Tiñamos boas expectativas, sabiamos que estabamos construíndo un proxecto ilusionante e que cubriamos un oco que deixou a política tradicional, a do pobo e a soberanía das persoas sobre o capital, e estabamos ilusionados. As eleccións municipais foron unha grata sopresa que nos axudaron moito a seguir impulsando o proxecto, que continuou con Amaiur. Agora, nas autonómicas, confiamos en que a xente siga apoiando o proxecto porque estamos facendo unha política de traballo e a pé de rúa. A xente valorará iso e estou seguro de que entraremos con moita forza no Parlamento, como debería ter sido sempre. Lembremos que o escenario político actual está totalmente adulterado ao non estar a esquerda abertzale representada. Isto permitiu un Goberno que doutra forma sería inviable. Agora Basagoiti anuncia que vai pedir que voten 300.000 persoas non censadas no País Vasco nas vindeiras eleccións, polo que, de ser así, sería un pucheirazo en toda regra co obxectivo de perpetuar un goberno que para nada representa a maioría social de Euskal Herria.

"Nunha coalición de partidos, tensións sempre as hai, pero en Amaiur resólvense debatendo en positivo e sen complexos"

En Galicia varias forzas intentan un proceso de confluencia no ámbito da esquerda. Desde a súa experiencia dentro de Amaiur, como se xestiona o traballo de tantas forzas diferentes?

Tensións hainas en todo piso no que conviven dúas persoas e un debe baixar o lixo e outro fregar os pratos. Loxicamente, dicir que todos os días é unha lúa de mel sería enganar, pero avánzase coas ganas de avanzar, cun proxecto político moi sólido, discursivo, nunca centrado no electoral, senón no programa e nas ideas de futuro. Co debate, que o ten que haber e é san, tamén podes ver os teus erros e os dos demais para corrixilos e ir avanzando. Oxalá en Galicia tamén se poida facer o mesmo: ter debates sen complexos e en positivo, como en Amaiur.

Luis María Salgado CC-BY Alternatiba

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.