"Coa reforma local queren levarnos a todos a comer cemento ás capitais"

José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita © Deputación de Lugo

A oposición á reforma da administración local que prepara o Goberno central espállase por toda Galicia, país onde a inmensa maioría dos concellos están ameazados por unha modificación lexislativa que, segundo a oposición -pero tamén para moitos dos alcaldes do PP- baleirará os municipios de menos de 20.000 habitantes de boa parte da súa carteira de servizos. PSdeG, BNG, Anova ou Compromiso - que xa crearon unha plataforma contraria ao proxecto - denuncian o proceso "recentralizador, privatizador e de perda de autonomía local" que suporía esta iniciativa da dereita.

Por todo isto, Praza inicia unha serie de conversas con alcaldes de diferentes cores políticas destes pequenos concellos para explicar con algo máis de detalle o que lles suporía unha reforma que "pode acabar co rural". Máis nunha Galicia que nese rural asenta a maioría de concellos. Quen así o advirte é José Luis Raposo, rexedor do PSdeG en Pedrafita do Cebreiro e un dos impulsores da plataforma contraria á iniciativa, que inaugura esta serie de entrevistas.

"A reforma local quere acabar co rural", denuncia José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita do Cebreiro

"Queren acabar co rural en Galicia", insiste o rexedor cebreirense, que denuncia a intención recentralizadora e privatizadora que agocha unha reforma que cre necesaria, pero para nada no sentido que lle está a dar o Goberno central. "Entendo que hai que cambiar a lei porque xa leva moitos anos vixente e os problemas que había cando se aprobou non son os mesmos que agora, pero deberían empezar por regular o financiamento local e facelo máis eficiente", lembra Raposo, que empeza denunciando que todas as subvencións recibidas polos pequenos concellos "acaban chegando tarde e mal". Por iso, insiste nunha proposta repetida por outros alcaldes: "Esas subvencións non finalistas deberían ser agrupadas nun fondo, que en Galicia podería ser o de cooperación local, para ser logo repartidas cuns criterios reais e serios".

É unha das propostas do rexedor do PSdeG, que denuncia por ineficaz o intento do Executivo central de centralizar nas deputacións os boa parte dos servizos que os pequenos concellos ofrecen de maneira achegada e directa aos seus habitantes. "Que sentido ten que se ofreza un servizo desde cen quilómetros? Se xa é complicado organizar certas competencias nun ámbito comarcal, como se vai facer desde un entenprovincial que adoita quedar tan lonxe dos municipios?", pregúntase, ao tempo que responde. "A Deputación ten moito que facer e faino moi ben en temas como a recadación ou certos ámbitos supramunicipais, pero non creo que deba ocuparse de temas como o alumeado ou a recollida do lixo. Esa non é a solución", engade.

 

"Queren cansar os alcaldes até aburrilos"

"Pretenden que os concellos queden só co edificio e cansar os alcaldes até aburrilos, queren que só administremos o que eles nos dean desde a capital provincial... Se xa hai problemas para coordinar a atención veterinaria a nivel comarcal, como sería desde as deputacións?", asegura Raposo, que recomenda os impulsores da reforma "que pregunten nas aldeas aos veciños en que situación quedarían" de levarse a cabo as intencións de Madrid. "O seu obxectivo é externalizar os servizos para que os fagan empresas que distan unha morea de quilómetros das vilas... Só o desprazamento xa sería un grave problema", insiste, ao tempo que lembra que "o desenvolvemento autonómico debería supoñer o tamén reforzamento do desenvolvemento comarcal e municipal e das súas competencias". Pero sucede ao revés.

O rexedor pregúntase quen se ocupará de retirar a neve no inverno ou se o Estado poderá ofrecer aos veciños unha recollida de lixo máis eficiente e barata da que existe

José Luis Raposo pon exemplos. No seu concello préstanse "todos os servizos" e pregúntase como pensa o Executivo central xestionar servizos tan básicos no Cebreiro como "a retirada da neve no inverno", un traballo do que se encarga a administración local e que é básico para Pedrafita. "A súa idea non é outra que pasar estas funcións a empresas externas que agora están sen traballo", denuncia. "Unha privatización destinada a unhas determinadas firmas", insiste.

Pero Raposo vai máis aló e pregúntase se a Deputación será capaz de ofrecer mellor servizo de recollida de lixo do que se ofrece en Pedrafita, onde se lle cobra a cada veciño 1,35 euros polo servizo, á marxe de taxas algo máis altas para os negocios. "Se son capaces de me prestar este servizo máis barato, eu regálollo, pero non creo que o consigan", reta. Todo, segundo di o alcalde, nun concello que "ten remanente de tesourería, que non ten crédito ningún e que dá traballo á xente". "Se nos quitan estes servizos, o que provocarán é que aumenten as Risga", di contundente.

"Este Goberno nunca creu no municipalismo; queren acabar co rural e cos concellos cando os consistorios son os resposnables de, unicamente, o 3,4% do total da débeda do Estado", conta. "Non somos nós, sobre todo os municipios pequenos, os responsables da crise, pero é o que queren facerlle ver á xente, á que intentan convencer de que o inimigo está na súa porta", denuncia.

Por iso, denuncia tamén a actitude da Fegamp, á que cualifica de "mal sindicato". "Estou nela e aínda non rompemos con ela, pero estamos a tempo; estas federacións son partícipes do Goberno, están controladas polo PP e votan todo a favor del, nada máis", asegura, tras advertir de que as críticas que moitos alcaldes do PP verten sobre a reforma quedan logo en nada.

"Queren levarnos a todos a comer cemento ás capitais; xa sabemos como acabou todo aquilo"

"Queren levarnos a todos a comer cemento ás capitais, como ocorreu no pasado. A xente marchou das aldeas a traballar no ladrillo e xa sabemos como acabou todo aquilo. Agora non hai traballo nin futuro, pero o Goberno inisiste", quéixase Raposo, que non dubida en criticar tamén o espírito paternalista dunha reforma local que fala de primar fusións de concellos e compartir servizos. "Non nos están ensinando nada; en Pedrafita traballa unha arquitecta que presta servizos en catro concellos máis da zona e a secretaria, en dous; está todo inventado", conclúe.

Pedrafita do Cebreiro CC-BY-NC-SA José Antonio Rodríguez O.
José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.