Compostela Aberta concreta unha vintena de medidas para comezar a gobernar Santiago

Martiño Noriega e Xan Duro, este venres en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Unha vintena de "medidas prioritarias" para comezar a aplicar dentro de menos de dúas semanas. É o roteiro que vén de trazar Compostela Aberta na súa segunda asemblea tras a vitoria electoral do pasado 24M, un guión que, en verbas do edil electo Xan Duro, pasa por comezar a plasmar na "realidade" algúns dos plans da plataforma para a cidade durante os primeiros meses de mandato, nos que terán que xestionar a capital galega cos orzamentos aprobados e, en parte, xa comprometidos polo gabinete do PP.

Os primeiros plans do gabinete que dirixirá Martiño Noriega teñen seis eixos -política social, igualdade, medio rural, economía, cultura e urbanismo- e combinan medidas "simbólicas" con outras máis pragmáticas e urxentes. Así, por exemplo, o novo goberno comezará declarando a cidade como "libre de desafiuzamentos" e iniciará a "interlocución" directa coas entidades financeiras con presenza en Santiago para, combinando ese contacto con medidas sociais, "non permitir que ningunha familia quede sen teito".

Sen saír do ámbito social o novo goberno porá en marcha unha "ordenanza de accesibilidade universal" para eliminar barreiras físicas e "cognitivas" nos servizos municipais. Prevé, asemade, activar o Consello Municipal de Política Social e impulsar dende o consistorio medidas que "garantan" a asistencia sanitaria ás persoas excluídas da mesma por mor dos recortes dos gobernos central e autonómico, din. Ligadas a estas medidas estará o primeiro paquete da área de igualdade, que inclúe a posta en marcha da Mesa Local contra a Violencia de Xénero e, a medio prazo, a conversión da Casa da Xuventude en Casa das Mulleres, que centralizará os servizos neste ámbito.

No ámbito social o novo goberno apostará pola declaración inmediata da cidade como "libre de desafiuzamentos"

Un plan de sinalización e desbroce en "todas as parroquias" do rural ou unha "solución dialogada" ao conflito pola prohibición de actuacións de música ao vivo en locais da zona vella son outras das medidas deste primeiro paquete, que tamén incluirá unha das propostas de Compostela Aberta máis comentadas da campaña: a "moratoria de prazas hoteleiras" no casco histórico para impulsar a "ocupación" das xa existentes e o "emprego de calidade" no sector. Cara a un horizonte maior encamíñanse apostas como a redacción dun plan de mobilidade ou dun "plan estratéxico" en materia económica que, entre outros aspectos, di Duro, permitirá "captar fondos europeos" para proxectos da cidade.

Así será como suba os primeiros chanzos un goberno que, advirten dende Compostela Aberta, prevé poder despregar as súas políticas con maior intensidade xa en 2016, cando dispoña duns primeiros orzamentos de seu, nos que xa funcionará o "plan piloto dos orzamentos participativos" prometidos en campaña. Todo isto, asegura Noriega, producirse nun contexto no que o goberno local activará mecanismos de "participación" veciñal que, anticipa, incluirán que os edís "volvan" ás parroquias e barrios visitados en campaña.

Martiño Noriega e Xan Duro, este venres en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.