Compostela Aberta fai festa para convidar a "elixir entre alegría e escuridade"

Noriega e membros da candidatura, no remate do acto CC-BY-SA Compostela Aberta

Martiño Noriega confesou entre risos nalgunha ocasión que unha das súas ilusións pendentes consiste en saír do backstage da Sala Capitol e dar un concerto. Pero non toca ningún instrumento musical, así que "sempre me toca dar mitins". Na noite deste martes Noriega non saíu dende backstage, senón do que noutrora foi o patio de butacas do antigo cine compostelán. E deu un mitin, pero acabou cantando Monte Viso, a canción que tornou en himno da plataforma Compostela Aberta, xunto ao resto de membros dunha candidatura que, afirma, convida a elixir entre "escurantismo e alegría" o vindeiro 24 de maio.

O candidato non as tiña todas consigo poucos minutos antes do comezo, confesou. A Capitol é o suficientemente ampla como para non poder tapar un picazo. Pero a organización escorrentou os temores cando viron que a parroquia lles respondera á chamada para un acto que, efectivamente, era un mitin, pero coa escenografía, os modos e as maneiras dun concerto ou, sinxelamente, dunha festa. Por iso comezou coa música do grupo Chévere e co actor Miguel de Lira a explicar que a cita era para recibir a "marea" que, asegura, vai chegar a Raxoi, e tamén para "despedir aos que marchan" e acalmarlle tamén os ánimos a un Alberto Núñez Feijóo ao que ve "obsesionado con Venezuela".

"Non me volvo durmir", proclamou unha das cancións que deu paso ás breves intervencións de varios membros da lista a comezar por Víctor Ferreira, simbólico número 25 -"non vai chegar a alcalde", prometen- que formou parte do primeiro goberno do socialista Xerardo Estévez e que xustifica na excepcionalidade do momento o seu retorno á política. "Venceremos nós, xa llo dixen ao Agustín", dixo ironicamente Concha Fernández, membro da lista e responsable do apartado de políticas sociais no programa da plataforma, resumido no acto polos aspirantes a edís en materias como medio ambiente, educación, cultura ou urbanismo.

"Algúns estiveron máis ocupados en imputacións que en gobernar" e "hai xente máis preocupada por que lle poidan mover os marcos da derrota" que polo cambio, di Noriega

O presentado como "mitin chou" achegouse á súa fin coa intervención do cabeza de lista. Nun monólogo, máis que discurso, duns 10 minutos de duración Noriega presentou as súas credenciais para encabezar a fin do goberno que "puxo o nome da capital de Galiza na prensa internacional" vinculado á "corrupción". "Algúns estiveron máis ocupados en guerras partidarias, imputacións, desimputacións e inhabilitacións que en gobernar a cidade", reprocha. E agora, lamenta, "hai xente máis preocupada por que lle poidan mover os marcos da derrota" que polo cambio de goberno. Fronte a este escenario, asegura, Compostela Aberta vai actuar como "lugar de encontro" e tamén como "goberno" tras un mandato do PP que, di, é posible resumir en "catro anos, tres alcaldes, doce semáforos".

O vindeiro domingo, di Noriega, "a xente ten que escoller entre os que pisan e os que prantan, entre a privatización partidaria e a aposta de gobernar para os máis". "Non nons enfrontamos só contra o PP, enfrontámonos a moitas máis cousas", incluíndo os "poderes" da cidade, asegura. Pero fronte a eles, augura, "imos facer algo histórico". "Exerzamos a dignidade, o sorriso, a república e a alegría", instou antes de que os músicos volvesen tomar o escenario. O alcaldable achegouse ao ansiado backstage, pero os artistas conducírono aos micros para facer os coros do Monte Viso: "En maio de 2015 o corpo pide participar", cantaron. Se están ou non no certo saberano en catro días.

Noriega, con dúas das actrices que actuaron no acto CC-BY-SA Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.