Compostela entra en campaña

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago © Santiago Turismo

A política municipal compostelá veu sendo unha das grandes protagonistas da actualidade nos últimos anos moi alén das propias lindes da capital galega. A sucesión de escándalos, procesos xudiciais e dimisións que tivo como parte máis visible o acceso ao poder de tres alcaldes en tres anos malia á cómoda maioría absoluta acadada polo PP en 2011 estivo en primeira plana en numerosas ocasións tanto en Galicia como no Estado. Paradoxalmente, Santiago foi unha das cidades nas que, máis alá do traballo de cada forza política, tardou máis en arrincar e visibilizarse a carreira cara ás eleccións que se celebrarán en menos de 50 días. No entanto, a precampaña semella definitivamente lanzada tras o retorno da pausa da Semana Santa.

Pola banda do PP a falta de máis membros da candidatura que o actual alcalde o protagonismo absoluto segue a ser para o binomio formado por Agustín Hernández e Alberto Núñez Feijóo. O presidente, responsable da designación de Hernández como rexedor o pasado ano, foi tamén o mestre de cerimonias este mércores da súa presentación como alcaldable. Baixo o lema Santiago en marcha e un logotipo co nome do candidato que, como en Ourense, deixa en segundo plano as siglas do PP, Feijóo deu por "emendados" os "erros" cometidos nestes anos e non dubidou en amosarse "orgulloso do que fixemos" na cidade. Fíxoo nun discurso na que a práctica totalidade das críticas foron dirixidas a Compostela Aberta e o seu candidato, Martiño Noriega. "A Compostela aberta de verdade", di Feijóo, é a do PP.

Mentres no Auditorio Abanca se celebraba o mitin dos conservadores a escasos 300 metros, na Facultade de Filosofía, a plataforma que encabeza Noriega celebraba a súa asemblea, cuxo resultado presentou este mércores. Ademais de aprobar que concorrerá aos comicios coa forma legal de "partido instrumental" e de definir os criterios para completar os restantes postos da lista -os quince primeiros foron elixidos en primarias- Compostela Aberta deulle luz verde ás liñas mestras do seu programa electoral, emanadas dos "grupos de traballo" que funcionan dende o pasado outono e que se completará con achegas cidadás a través dunha ferramenta informática na súa web, en marcha dende este mércores.

Compostela Aberta lanza as súas liñas programáticas e Noriega lamenta a mestura de "escapismo e mala xestión" de Hernández

A apenas dúas semanas da finalización definitiva do programa o cabeza de lista subliña que estará centrado en "tres eixos", a comezar por situar Compostela como "gran capital", redefinir a relación cos concellos da contorna e priorizar a política cultural e social. No ámbito social Noriega fai fincapé para lamentar que o gabinete de Hernández optase por "xogar en clave preelectoral" para presentar na recta final un proxecto semellante a unha "renda básica" coa que, censura, "busca a estética" despois de catro anos nos que o PP "non estivo á altura" en casos de "emerxencia social" como os desafiuzamentos cunha mestura de "escapismo e mala xestión". Isto, di, aconteceu mentres a débeda municipal chegaba a 46 millóns de euros "dos que 16 son do PP". 

Regreso de servizos municipais á xestión pública

Na súa exposición programática Compostela Aberta salienta tamén a aposta pola "desprivatización" de servizos municipais, un asunto que entra en campaña por dupla vía: a da candidatura que lidera Noriega e tamén a do BNG, que este mércores iniciou tamén a "rolda de presentación" do seu programa. Mentres "segue a integrar ideas nun proceso de elaboración participativo" o alcaldable do Bloque, Rubén Cela, amósase convencido de que "a experiencia demostra que os servizos externalizados nin son máis baratos, nin máis eficientes, nin máis eficaces", máis aínda cando "con carácter xeral, nestas externalizacións é onde se detectaron máis irregularidades".

Cela aposta por un "novo modelo de cidade que inclúe avanzar na remunicipalización" de servizos

Por todo isto, explica Cela, o BNG promoverá un "novo modelo de cidade que inclúe avanzar na remunicipalización" e "no maior control das empresas concesionarias". Aínda "sendo conscientes de que non todos os servizos municipais externalizados son iguais", resalta, "propomos dúas actuacións a desenvolver dende o primeiro día do novo mandato: unha inspección de servizos" para "velar polo cumprimento dos pregos de concesións" e "un estudo de remunicipalización dos servizos privatizados" para determinar en que servizos é posible aplicala.

Reyes reivindícase como candidato

Tamén o candidato socialista intensificou a súa actividade de precampaña nos últimos días. Despois de que a secretaria de organización do PSdeG, Pilar Cancela, e o propio secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, apostasen polo impulso a gobernos "de esquerda" tras o 24-M deixando a porta aberta a apoialos aínda que as urnas non ditaminen unha alcaldía socialista o seu aspirante en Santiago, Francisco Reyes, reivindica a súa propia condición de candidato, pero tamén como "mellor instrumento para recuperar Santiago".

Besteiro acode este mércores á presentación da candidatura do PSdeG

A poucas horas de que o propio Besteiro o acompañe, este mércores, no acto oficial de presentación da candidatura Reyes afirmou que o seu "único compromiso é con Santiago e a súa veciñanza" e "ninguén me vai impoñer nada que vaia contra esta declaración". O seu obxectivo, afirma, é "gañar en Santiago e gobernar en Santiago, non contemplamos outra opción" nin "ningunha posibilidade de alternativa ao PP" que "non pase pola vitoria e o goberno do PSdeG".

Pola súa banda o candidato de Compromiso por Galicia, Xosé Antón López, dedicou este mércores ao ámbito gandeiro cunha visita ao Mercado Nacional de Gando, en Amio, e lanzou propostas en materia de comercio de proximidade. Tras o acto de Feijóo e Hernández CxG puxo o acento, asemade, en que na súa presentación na cidade "houbo 225 persoas sen ningún medio de comunicación afín dándolle cobertura".

Hernández, na súa presentación © PP
Noriega, María Rozas e Jorge Duarte, este mércores CC-BY-SA Praza Pública
Cela (dereita), na presentación deste mércores CC-BY-NC-SA BNG
O candidato socialista e outros membros da lista, co bus do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.