Compromiso inicia as súas primarias para as eleccións europeas

De esquerda a dereita: Xosé Mosquera, Teba Conde, Pablo Penedo e Paulo Carlos López © CxG

O proceso de primarias abertas que Compromiso por Galicia levara a cabo para escoller a persoa que encabezará a lista da formación galeguista para as eleccións europeas do vindeiro 25 de maio xa está en marcha. Este venres presentáronse publicamente os catro candidatos e candidatas elixibles. Trátase de Teba Conde, da agrupación local de CxG de Teo, profesora de primaria en Laxe e membro do Consello Político Nacional de CxG; Paulo Carlos López, ex Secretario Xeral da xuventudes de CxG (Mocidade Nacionalista Galega) e membro da Executiva de CxG; o ourensán Xosé Mosquera, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Vigo, e tamén membro do Consello Político Nacional; e Pablo Penedo, coruñés, non afiliado ao partido, un feito que foi destacado polo partido, xa que a metodoloxía deseñada permite presentarse a calquera afiliado.

Poderán votar todos os afiliados e afiliadas a CxG, e tamén calquera persoa maior de 16 anos que declare a súa afinidade co proxecto político defendido por Compromiso

Poderán votar todos os afiliados e afiliadas a CxG, e tamén calquera persoa maior de 16 anos que declare a súa afinidade co proxecto político defendido por Compromiso "mediante sinatura dunha carta de adhesión en tal sentido, que recolle as bases fundamentais do documento político de Compromiso por Galicia", segundo se recolle no regulamento das primarias. As votacións comezarán o día 12 de marzo e rematarán o 23, día no que se coñecerán os resultados. Haberá sete mesas electorais, unha en cada unha das sete cidades galegas, e as datas de votación en cada lugar anunciaranse nos vindeiros días.

Xoán Bascuas agradeceulles este venres aos catro candidatos o "valor demostrado" ao “dar un paso adiante no momento en que a cidadanía está cada vez máis lonxe da política”

Despois do acto de presentación dos e das candidatas, conducido polo Pablo González Mariñas, na súa calidade de Presidente da Comisión Electoral, Xoán Bascuas agradeceulles este venres aos catro candidatos o "valor demostrado" ao “dar un paso adiante no momento en que a cidadanía está cada vez máis lonxe da política”. O secretario xeral de CxG tamén destacou que "o procedemento de eleccións primarias abertas á cidadanía xa fai parte da cultura política de Compromiso".

Os e as candidatas de Compromiso por Galicia integraranse na lista da que tamén forman parte Convergència Democràtica (CDC), Unió Democràtica (UDC), Partido Nacionalista Vasco (PNV) e Coalición Canaria (CC). O primeiro posto da lista será ocupado por Ramón Tremosa (de CDC), seguido da candidata do PNV, Izaskun Bilbao, o terceiro lugar corresponde a Francesc Gambús (Unió), o cuarto a CC e o quinto a Compromiso por Galicia.

De esquerda a dereita: Xosé Mosquera, Teba Conde, Pablo Penedo e Paulo Carlos López © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.