Compromiso participará na coalición impulsada polo PNV nas vindeiras eleccións europeas

Xoán Bascuas participa na Convención Electoral Nacional © CxG

Compromiso por Galicia celebrou este sábado en Padrón a súa Convención Electoral Nacional, que debía debater e votar, entre outras cuestións, a fórmula baixo a que a formación galeguista participaría nas vindeiras eleccións europeas de maio. O 69% dos afiliados e afiliadas apostaron pola opción de participar nos comicios na coalición impulsada polo Partido Nacionalista Vasco, na que se insiren formacións nacionalistas e rexionalistas de distintos territorios do Estado. Mentres, un 29% dos votos apoiaron a outra opción presentada, que apostaba por concorrer en solitario. De igual xeito, a organización galeguista debateu os criterios e bases programáticas que foron aprobadas polo 93% dos votos.

No acto de clausura, o secretario xeral da organización galeguista, Xoán Bascuas, dixo sentirse “profundamente orgulloso” do "exercicio de democracia e de respecto que deu o conxunto de afiliación", incidindo en que as diversas propostas sometidas a consideración “foron debatidas con argumentos”. De igual modo, Bascuas, insistiu en que agora “a proposta é de todos e todas” e está seguro de que o traballo que se desenvolverá en campaña será “inxente”, na aposta por unha Europa máis democrática e social e na aposta por colocar “a voz de Galicia en Europa”.

Os e as militantes que defenderon a opción de presentarse nunha "coalición técnica" co PNV, como Xosé Manuel Pérez Bouza, Gonzalo Constenla ou a concelleira de Muros María Sambade, salientan que Compromiso acudiría con "campaña, programa e lema propios", pero que a coalición permite concorrer en "igualdade de condicións" con acceso, por exemplo, ao mailing electoral.

A aposta por concorrer en solitario, "nunha candidatura cidadá galega", defendida por militantes como Jessica Fernández Polo, Modesto Toribio, Álvaro Montes, xunto con numerosos membros da Mocidade Nacionalista Galega, argumentaba as vantaxes de manter "un perfil propio" e de "darse a coñecer na sociedade", a través da necesaria recollida de sinaturas para poder presentarse.

Xoán Bascuas participa na Convención Electoral Nacional © CxG
Participantes na Convención Electoral Nacional de Compromiso © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.