En representación de máis de cen concelleiros de toda Galicia de case trinta localidades do país, o encontro nacional de “concelleiros nacionalistas e galeguistas”, todos eles escindidos do BNG, celebraron onte en Teo unha xuntanza para “coordinar posicións e establecer un posicionamento conxunto” no ámbito institucional tras apostar "por un novo referente” no ámbito do nacionalismo galego.
Quen así o explica é Martiño Noriega, membro do Encontro Irmandiño (EI) e un dos participantes e oradores onte nun “punto de encontro de cargos institucionais” onde se reuniron concelleiros e alcaldes nacionalistas, tanto do propio EI como de Máis Galiza, as dúas correntes que marcharon do BNG nos últimos meses. Todos eles, asumiron e fixeron público o manifesto Tendendo pontes dende os concellos, no que “concelleiros e concelleiras próximos a estas sensibilidades (EI e +G) ou dende a independencia decidimos iniciar un novo camiño coa esperanza de asentar modelos municipais participativos, abertos, comprometidos e orgullosos de seu”.
"Optamos por iniciar colectivamente un novo camiño que remate na construción a nivel nacional dun novo referente político"
“Mantendo o máximo respecto para cos que até o de agora foron os nosos compañeiros e compañeiras, optamos por iniciar colectivamente un novo camiño que remate na construción a nivel nacional dun novo referente político”, aclara o texto, que engade que “dende os concellos e facendo país gran a gran”, os que asinan queren “ gañar o futuro”. Serán, din, “novas maneiras , novas formas de exercer a política e o convencemento de que é unha maioría social agredida a que precisa desta aposta colectiva de todos e todas nós”.
“Temos que ter unha mínima coordinación porque é moito máis o que nos une que o que nos afasta”, asegura o alcalde de Teo, que insiste en que o cónclave busca “unha transversalidade” entre aqueles representantes institucionais que procuran coa súa declaración pública de colaboración achegar tamén “unha pata máis” á mesa do denominado Novo Proxecto Común (NPC), no que Acción Galega, Máis Galiza e os Ecogaleguistas, baixo o lema de Compromiso con Galicia, confirmaron xa a súa unión electoral, á espera da decisión de EI. “A idea é cohesionar, falar e coordinar, pero tamén mandar unha mensaxe de necesidade” de cara a ese novo proxecto do nacionalismo.
"É un pulo importante ao NPC, pero é algo natural"
“É un pulo importante pero é natural, porque fomos os que marchamos de dentro do BNG, e é un pulo tamén para buscar centralidade e transversalidade, pero non isto non ten que ver coas outras dinámicas”, insiste Noriega, en relación ao proceso que as formacións destinadas a formar parte do NPC están levando a cabo desde as súas respectivas formacións. “Están as conversas entre colectivos para chegar a puntos de encontro e, a maiores, está isto, que se realiza entre cargos institucionais”, aclara.
“Non sabemos cal será o resultante final de todo ese proceso, pero é evidente que hai un segmento da sociedade que está demandando unha opción da que está orfa; quero ser optimista”, engade Noriega, que recoñece que o NPC está “condicionado pola data electoral”. “Xa aprendín a non poder datas nin prazos”, asegura o alcalde de Teo, que insiste en que “a cuestión electoral está aí” e que “non hai que esquecela”. “Hai que dar a cara”, di.
"Non queremos ser dirixentes en busca de dirixidos"
Martiño Noriega recorda que está a “percorrer o país” xunto a Xosé Manuel Beiras porque o EI sempre dixo que “había que facer as cousas dunha maneira diferente ás formas tradicionais”. “Non queremos ser dirixentes en busca de dirixidos, senón facelo doutro xeito”, engade o rexedor teense, que confía en que “durante o mes de xuño” se comecen “a visualizar” os resultados das continuas asembleas que se están a celebrar en Galicia. “O EI é unha parte do novo proxecto”, chega a dicir o alcalde, que lembra que o NPC será “o que a xente queira que sexa”.