Concellos e entidades sociais celebran a anulación parcial da reforma local

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

Trala sentenza do Tribunal Constitucional, coñecida onte, que anulou varios apartados da Lei de Reforma da Administración Local ao considerar que invadían competencias das Comunidades Autónomas, este mércores continuaron as reaccións. Concellos e entidades sociais celebran unha decisión que permitirá que os municipios ofrezan servizos sociais e sanitarios e que consolida as competencias locais. O ditame sinala que o Estado central só pode atribuír competencias locais específicas ou prohibir que se desenvolvan cando teña a competencia na materia. O TC anula anula tamén o sistema de compensación financeira "triangular" segundo o cal o Estado central, sen ser acredor, podía aplicar retencións ás comunidades cando estas incumprisen as súas obrigas de pagamento fronte aos entes locais.

Concellos e entidades sociais celebran unha decisión que permitirá que os municipios ofrezan servizos sociais e sanitarios e que consolida as competencias locais

Alfredo García, presidente da Fegamp, cre que a sentenza é "un severo correctivo ao Goberno do Partido Popular". De igual xeito, o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinala que o ditame "desautoriza" a Rajoy e dálle "un golpe irreversible" á lei, pois elimina "un elemento central", como é o intento de "quitarlle competencias" aos concellos. Caballero reclamou que se inicien os trámites para a derrogación da reforma local na súa totalidade. Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que a sentenza deixa en evidencia a Feijóo e o PPdeG, “que non tiveron valentía para defender os concellos”.

O Goberno galego uniuse á satisfacción pola anulación parcial da lei, aínda que non recorreu a lei, como si fixeran outras comunidades autónomas

A Xunta non recorreu a lei, como si fixeron por exemplo os gobernos de Andalucía, Cataluña, Canarias, Asturias ou os parlamentos de Estremadura, Cataluña, Andalucía e Navarra. Aínda así este mércores o Goberno galego uniuse á satisfacción pola anulación parcial da lei, tanto a través do director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, coma do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. Mentres, o portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, destacou que a sentenza "non terá repercusión en Galicia", debido á lei que hai dous anos o Goberno galego se viu obrigado a probar para garantir a prestación de servizos públicos. Dende o Goberno central, mentres, o Ministerio de Facenda destacou que a sentenza do Tribunal Constitucional "salvagarda os aspectos esenciais da reforma local".

Tamén celebrou o ditame de forma moi destacada o Colexio Oficial de Traballo Social (COTSG), que valorou “moi positivamente” a decisión porque “avala o municipalismo e faise eco da reivindicación dos concellos de manter as súas políticas sociais” e garante "que a porta de entrada ao Sistema de Servizos Sociais se poida facer desde a administración máis achegada á cidadanía". A presidenta do COTSG, Marta Capeáns, destacou que "a prohibición de atribuír aos entes locais aos servizos de asistencia social e atención primaria á saúde como competencias propias locais” era "un dardo envelenado ás comunidades autónomas, sen ofrecerlle ningunha alternativa de financiamento como plan B, pero cuestionando o modelo de atención social actual”.

Para o COTSG a sentenza “avala o municipalismo e faise eco da reivindicación dos concellos de manter as súas políticas sociais”

Para Capeáns, “son os concellos os que informan, orientan e tramitan a maioría dos recursos ou prestacións do sistema de Servizos Sociais”. "Telos desposuído disto tería repercutido de xeito moi negativo no mantemento do actual Estado do Benestar. En definitiva, a sentenza do Tribunal Constitucional, supón un balón de osíxeno para o cuarto piar do Benestar Social no Estado Español: o dos servizos sociais", concluíu.

 

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.