O Concello de Ourense deberá permitir a ocupación de parte da vía pública da rúa Vasco Díaz Tanco cun ascensor particular para dar servizo a un edificio de vivendas de cinco andares que carece del. A sentenza, emitida polo xulgado do contencioso-administrativo número 1 da cidade, estima en parte a denuncia da comunidade de propietarios, con varios veciños maiores e con problemas de mobilidade, ao entender que é a solución más adecuada. O xuíz tamén reprocha duramente ao Concello a súa “deixación de funcións” e “pasividade” ao non responder durante meses á petición da comunidade.
O xulgado reprocha a “deixación de funcións” e “pasividade” da administración local, que non respondeu á petición que lle formulou unha comunidade de propietarios con veciños maiores con problemas de mobilidade
O edificio do número 13 da rúa Vasco Díaz Tanco de Ourense ten cinco andares e carece de ascensor. “Boa parte dos veciños son persoas maiores con problemas de mobilidade” polo que “resulta imperiosa a instalación urxente do ascensor”, argumentou a súa comunidade de propietarios, que ante a ausencia de patio interior e de espazo suficiente no oco das escaleiras pediu ao Concello permiso para instalar o ascensor no exterior do edificio, ocupando parte da vía pública. A comunidade pediu a licenza de obra o 3 de outubro de 2016, pero o 18 de novembro seguinte o arquitecto municipal requiriu que xustificase mellor que non había espazo suficiente no oco da escaleira. A comunidade presentou o 7 de decembro un “extenso informe xustificando a imposibilidade”, segundo sinala o xuíz, pero “a partir de aí o Concello non emitiu novos informes, nin realizou trámite algún”.
O Concello propuxo abrir un oco no interior das vivendas, ocupando parte das súas estancias, pero o xuíz considérao "desproporcionado"
Ante o silencio administrativo, a comunidade de propietarios presentou unha demanda e o xuíz, amparándose nunha peritaxe, avala agora a súa petición. No xuízo o Concello argumentou que o ascensor podería instalarse abrindo un oco novo no interior das vivendas, ocupando parte das súas estancias. Porén, o xuíz considera que, malia que na actualidade calquera solución arquitectónica podería ser viable, esa opción “resulta desproporcionada, comparándose coa pequena afección aos intereses públicos municipais que lle provocaría a súa instalación pola fachada exterior”, nun “punto de quebro da planta do edificio” enchendo “un pequeno espazo público residual” do que o Concello non argumentou ningunha utilidade.
A sentenza contempla a posibilidade de que o Concello esixa o “canon, taxa ou garantías que correspondan” por esa ocupación da vía pública e que pida á comunidade “mellora ou rectificación dos aspectos técnicos que procedan” do seu proxecto de obra, pero sempre “con dita disposición exterior” do ascensor. Para iso, dá tres meses de prazo máximo, a partir de que a comunidade adapte o seu proxecto, para que o Concello conclúa o “procedemento completo”.
“O Concello ten que asumir as súas responsabilidades e competencias de obrigado exercicio", di a sentenza, que critica que a administración limitárase "a paralizar sen máis o procedemento"
A sentenza é especialmente dura ao “reprochar” ao Concello a súa “deixación de funcións” cando apareceu a discrepancia coa solicitude dos propietarios. “O Concello en lugar de resolvela, adoptando unha decisión definitiva ao respecto, limitouse a paralizar sen máis o procedemento”, di a sentenza, que engade que a administración local “non pode pretender que esta xurisdición contencioso-administrativa supla a súa pasividade, converténdose en 'administración urbanística' cada vez que xurda unha dúbida na tramitación dun expediente”. “O Concello ten que asumir as súas responsabilidades e competencias de obrigado exercicio, tomando as decisións que correspondan en vía administrativa, sen prexuízo de que a posteriori poidan ser supervisadas xudicialmente”, reprocha o xuíz, para quen “esa deixación de funcións non pode máis que prexudicarlle”.