"Cóntanse moitas cousas falsas de Venezuela, parece que fósemos a sede de todo o malo que pasa"

Mauricio Rodríguez Dominio Público Praza Pública - Cedida

A Embaixada de Venezuela en España, xunto co Consulado en Vigo, levou a cabo nestes últimos días unha visita por varias cidades de Galicia. Na chamada Gira por la Verdad, o Goberno do país caribeño di buscar "dar a coñecer a verdade da situación política, social e económica de Venezuela" e "consolidar os lazos de solidariedade entre o pobo galego e venezolano". A delegación estivo encabezada por Mauricio Rodríguez, cónsul en Madrid e principal responsable diplomático do país tras a expulsión do embaixador por parte do Executivo español. Ex-encargado de Negocios na Embaixada e ex-presidente da canle estatal Vive TV, este político bolivariano mantivo xuntanzas con representantes dos grupos de En Marea ou BNG no Parlamento, do Concello de Ferrol, de formacións como Esquerda Unida, do sindicato CCOO ou da Plataforma de Solidariedade de Galicia con Venezuela. Na súa viaxe, fixo unha parada para atender a Praza.gal. 

En que consiste esta Gira por la Verdad?

O que tratamos é comunicar a perspectiva de Venezuela ante unha realidade que sufrimos: un bloqueo financeiro e comercial, así como outra serie de medidas tomadas polos Estados Unidos (EUA) e ás que se uniron desde a UE varios países. Estanse a bloquear contas ou o acceso á adquisición e pagamento de medicamentos ou alimentos, entre outros intentos de agresión que derivan dun descoñecemento da democracia venezolana. Hai unha clara violación do Dereito Internacional, que impide aos Estados tomar medidas unilaterais contra outros Estados.Queremos explicar unha verdade que os medios silencian sistematicamente e esta é parte da tarefa que levamos a cabo tamén aquí en Galicia. 

"Tratamos de mostrar a realidade que sufrimos: o bloqueo financeiro e comercial impulsado polos EUA e apoiado tamén pola UE"

Intensificouse este bloqueo nos últimos tempos?

En 2015, o goberno dos EUA, con Obama á cabeza, asinou un decreto polo que se consideraba a Venezuela unha ameaza para a seguridade do seu país. A partir de aí, fóronse intensificando as medidas en distintos ámbitos, poñendo atrancos ao acceso ao crédito internacional, tanto para o Estado como para a industria petroleira, negándose o acceso a este crédito ou colocándonos uns intereses de ata o 20%, totalmente impagables. Tamén se nos dificultan o acceso a repostos ou á tecnoloxía de moitas das nosas industrias --maquinaria, liñas aéreas, autobuses ou vehículos varios--, que proceden dos Estados Unidos. A este bloqueo estanse unindo nos últimos tempos outros países da UE. 

"Cóntanse moitas cousas falsas de Venezuela, parece que fósemos a sede de todo o malo que pasa"

Vostede entende que o que se conta de Venezuela non é todo como se conta...

Cóntanse moitas cousas falsas sobre Venezuela e sorprende tamén que se dea un especial tratamento a feitos no noso país que poden ter algún elemento de verdade pero que xamais se contan se teñen que ver con outros países de América Latina. Parece que Venezuela é sede de todo o malo que pasa. Actuacións de protesta política, que se poden dar e se dan en rúas de países europeos, son tratadas coma se fosen algo que non se pode tolerar. Hai gobernos que apoian líderes políticos venezolanos que cometeron delitos pero que son tratados como vítimas, falseando a realidade. É unha contradición, como outras.  

O Goberno de España e o PP, entre outros, denuncian a existencia de presos políticos en Venezuela pero negan esa condición aos dirixentes cataláns encarcerados. Refírese a iso?

Lembro que un xornalista que estaba en El País reparara en que un referendo ilegal convocado pola oposición venezolana tivera mesmo presenza en prazas públicas españolas e celebrárase sen que ocorrese nada. Mesmo o diario ABC apoiou aquela consulta a través das súas portadas. Non vou opinar sobre a legalidade vixente no Estado español porque somos respectuosos, pero queremos que tamén sexan respectuosos coa nosa. Seguramente hai elementos comparativos que calquera persoa pode analizar se debulla a realidade e a prensa internacional. 

Pero presos políticos en Venezuela?

Se unha persoa convoca unha manifestación violenta, en todas as partes do mundo será xulgado. Non importa se esa persoa é político, escritor ou activista se convoca a marchas onde se queiman e asasinan persoas. Se vostede fai iso, ten que ir preso. As leis en Venezuela son máis débiles que outras que se aplican en países europeos para casos semellantes. De aplicarse no meu país a mesmo rigorosidade que hai para estes casos nalgúns Estados europeos, esa xente botaría 30 ou 40 anos na cadea. 

"Desde o ex-presidente Carter ata autoridades internacionais certifican que non hai fraude electoral en Venezuela, pero chega con que o denuncie a oposición para que se faga narrativa sobre iso sen proba ningunha"

Cre que se pon demasiado o foco en Venezuela?

Por poñer un exemplo: nas últimas eleccións en Colombia moitos cidadáns tiveron que votar con fotocopias porque non eran quen de conseguir as papeletas e diso nada se dixo. En Venezuela, desde o ex-presidente dos EUA Carter ata autoridades internacionais certificaron sempre que no sistema electoral non hai posibilidade de fraude, pero chega con que alguén da oposición o diga para que toda a prensa desenvolva unha narrativa sobre iso sen proba ningunha. En Honduras houbo violencia, represión e denuncias de fraude, pero parece que tampouco pase nada porque o que ocorre noutros países a ninguén lle escandaliza. Cal é a intención de centrarse en Venezuela cando non hai proba ningunha desa suposta fraude? Por que sempre se nos sinala cando mesmo a oposición sabe que non hai posibilidade ningunha de fraude electoral?

"Claro que hai diferentes varas de medir en Europa á hora de falar dos países de América Latina"

Entende que hai unha dobre vara de medir?

Nos últimos meses en Colombia, e logo do acordo de paz, maís de 200 líderes sociais e campesiños foron asasinados, pero diso nada ou pouco se sabe en Europa. Claro que hai varas de medir diferentes en Europa. En Venezuela non houbo nin un só xornalista detido nin asasinado cando en México iso ocorre cada pouco e é sinalado por organismos internacionais. Pero a este goberno non se lle fai crítica... Estou poñendo datos sobre a mesa. 

Mauricio Rodríguez, durante unha xuntanza no Concello de Ferrol / © Consulado de Venezuela en Vigo

Pero algún problema haberá en Venezuela...

Claro que temos problemas. E discutímolos abertamente no noso país, pero calquera problemática non xustifica que se nos prexudique no comercio internacional, que se nos bloquee financeiramente ou que se minta sobre a situación de dificultade do noso pobo. Dáse un discurso como se en Venezuela houbese unha crise humanitaria porque iso é o que permitiría iso que inventaron hai pouco da inxerencia humanitaria, unha intervención que podería ser mesmo militar para supostamente salvar vidas humanas. Pero xa temos experiencia do que iso supuxo en Iraq, Siria ou Libia. Non podemos soportar que se estean fabricando elementos que non existen no Dereito Internacional. Non queremos nin buscamos o apoio ao noso goberno, senón o noso dereito a vivir en paz e a que a oposición acepte asinar un acordo de convivencia pacífica entre as dúas partes. 

"Faise un discurso sobre Venezuela como se houbese unha crise humanitaria para xustificar unha posible intervención"

Por que non se asinou?

O ex-presidente español Rodríguez Zapatero estaba implicado nel e non se asinou cando estaba todo preparado. A oposición levantou da mesa logo de recibir unha chamada desde Colombia, xusto cando o presidente Santos se entrevistaba co secretario de Estado dos EUA. Decidiron non firmar o acordo que mesmo adiantaba as eleccións, como a propia oposición reclamara. Podía ser visto mesmo como unha vitoria deles, pero rexeitárono. 

Venezuela é empregada moitas veces nos debates políticos en España, tamén no Parlamento galego, para atacar a determinadas formacións políticas. Como senta iso ao Goberno venezolano?

Para nós é moi doloroso porque se está utilizando o noso país para a pelexa política noutro e influíndo na poboación deste país, fabricando moitas falsidades e provocando o rexeitamento. Colócannos no centro dunha polémica que non é nosa. O que ocorre na política española correspóndelles aos españois e nós non temos nada que ver. 

"É moi doloroso ver como se utiliza Venezuela para a pelexa política noutro país, fabricando falsidades e provocando rexeitamento"

Emigrantes galegos retornados quéixanse de que non se lles pagan as pensións, hai solución a esa problemática?

Fíxose un esforzo porque temos dificultades para pagar contas polo bloqueo. Hai retencións de diñeiro venezolano en bancos do exterior por miles de millóns e iso é parte do problema, xunto coa caída de prezos do petróleo. A falta de divisa en man e o bloqueo que estamos vivindo aféctanos tamén nestes casos. 

Venezuela expulsou o embaixador español e España fixo o propio co venezolano. Hai solución a esta crise diplomática?

Temos total disposición a manter exquisitas relacións con España, á que respectamos profundamente. Non nos metemos nos seus asuntos internos e esiximos o mesmo trato e respecto cara a nós, como di o Dereito Internacional. Queremos normalizar as relacións e que as dificultades desaparezan, pero iso depende de que o Goberno español asuma tamén a mesma actitude e deixe de meterse nos nosos asuntos internos. Entre os dous países hai moitas relacións, desde o económico ao ámbito deportivo, pero prevalecen as accións políticas que ás veces se realizan dunha maneira que non corresponde coas boas relacións que deben ter dous Estados soberanos. 

"Queremos normalizar as relacións con España, pero iso depende de que o Goberno español deixe de meterse nos nosos asuntos internos"

Ante as vindeiras eleccións presidenciais en maio, cre que volverán as queixas de fraude ou a polémica?

O Goberno de Venezuela convidou a UE e á Mesa do Congreso español para que participen como observadores nas eleccións. Estase a dicir que non hai candidaturas da oposición e iso é inxusto coa democracia e con algúns aliados destes gobernos que nos critican e que si se presentan aos comicios. Temémonos, porque xa o anunciaron, que sexa o que for o resultado, non o van recoñecer. Polémica vai haber porque hai unha inxerencia constante no noso dereito a vivir en paz, en democracia e co dereito a cometer os erros que todo Executivo e sociedade comete. O Goberno preséntase ás eleccións coa posibilidade de gañar ou perder, como sempre. Se gaña, celebrará a vitoria; e se perde, será o primeiro en recoñecer o resultado como sempre fixo. Esa será a actitude do Executivo e dos seguidores do chavismo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.