"Contra o acordo con Mauritania, houbo máis votos de Portugal que de España"

O Parlamento Europeo © Praza Pública

"Tivemos máis votos desde Portugal que de España". Así de contundente se manifesta Xabier Aboi, secretario nacional de CIG-Mar, tras analizar a polémica ratificación por parte do Parlamento Europeo do protocolo de pesca con Mauritania, que expulsa a frota cefalopodeira galega dese caladoiro. O acordo saíu adiante con 467 votos a favor, 154 en contra e 28 abstencións, co voto fragmentado de eurodeputados españois, dividido entre aqueles que rexeitaron a proposta, os que a apoiaron por ser beneficiosa para marisqueiros andaluces e os que decidiron non mollarse.

O novo acordo pesqueiro abrangue oito categorías: peláxicos, pescada e demersais, mariscos (gamba, lagostino, cigala e cangrexo) e atún. O acceso ao polbo sería exclusivo para a frota mauritana, o que prexudica aos barcos galegos. No protocolo anterior había 32 buques cefalopodeiros, dos que 24 eran galegos ou con maioría de tripulación galega e base nas Canarias. Agora só quedan 17, a maioría deles abocados ao despezamento ou á busca de caladoiros alternativos, menos rendibles e con difíciles expectativas.

A maioría de europarlamentarios abstívose na votación e outros votaron a favor do acordo con Mauritania

Segundo denuncia Aboi, pero tamén varios europarlamentarios, a gran maioría de eurodeputados socialistas abstívose na votación, houbo algún que votou a favor do protocolo, "e só ún, o galego Antolín Sánchez Presedo", que votou en contra. Entre os populares europeos, a maioría tería votado contra o acordo, pero non unha maioría de parlamentarios doutros estados do grupo socialista europeo e dos conservadores. Polo tanto, nin o rexeitamento de todos os representantes españois tería dado a volta á decisión.

"Como ían chegar os votos cando os dous partidos maioritarios actúan divididos? Como lle imos pedir o apoio a un austriaco ou alemán se os mesmos partidos do teu estado non te apoian? Cando interesa de verdade, os dous grandes grupos únense, fan presión e acordan o voto, pero cando a decisión afecta a Galicia, machácannos", censura o responsable de CIG-Mar. "Nunca as dúas grandes formacións se uniron a favor de Galicia e esa é a nosa gran desgraza", di.

En contra deste prexudicial protocolo pesqueiro para Galicia si votaron as formacións nacionalistas do Estado español, así como os escoceses e galeses, o Bloco de Esquerdas e o Partido Comunista Portugués, entre outros. Un total de 154 apoios, menos dos necesarios pero máis dos agardados até hai uns meses. Nin tan sequera valeu que o eurodeputado responsable do tema e presidente da comisión de Pesca, o popular Gabriel Mato, propuxera rexeitar o protocolo pola exclusión da frota cefalopodeira galega da zona. Non lle fixeron moito caso.

A referencia á votación en castelán evita calquera referencia ao prexuízo para Galicia, o que si consta nas notas en portugués, inglés ou francés

Varios europarlamentarios pediron que o voto de cada un deles non fose público e tanto socialistas como populares teimaron en restarlle importancia ás diferentes posicións dos seus europarlamentarios. Tanta foi a precaución que a referencia en español que o Parlamento Europeo colga na súa web oficial obvia a palabra "controvertido" para referirse ao protocolo de pesca apoiado pola Eurocámara e evita calquera referencia a Galicia, algo que si se fai nas versións en portugués, inglés e francés.

Ademais, nas versións diferentes ao castelán, como a escrita en portugués, advírtese de que o acordo con Mauritania foi aprobado "apesar de a comissão parlamentar das Pescas ter recomendado a rejeição do protocolo", en palabras de Gabriel Mato que foron obviadas na versión para a prensa e o público español. Neste mesmo texto lémbrase que a medida "afeta especialmente o setor pesqueiro da Galiza e das Canárias", tal e como lembrou o presidente da Comisión de Pesca, aínda que iso non constase na nota castelá.

Xabier Aboi insiste nestas recomendacións, así como as da propia FAO, e pregúntase "quen cuestionou a soberanía das augas de Mauritania", tal e como argumentaron eurodeputados socialistas e populares. "O que queremos é comprar o sobrante da pesca dese caladoiro; o que fixo Mauritania foi cobrarlle o mesmo á UE (70 millóns) e venderlle o resto aos chineses por tres millóns de euros e por vinte anos", recorda, tras advertir que "a culpa non é dos mauritanos, senón de quen acepta isto".

"Para que estamos en Europa? Para que asinen este acordo, nos apliquen o 'tax lease' ou as cotas do leite?", pregúntase Aboi

"Este é o papel que nos deixa a UE aos galegos, o de man de obra barata", insiste Aboi, que critica que Galicia sempre sexa "prexudicada, mentres Andalucía sae beneficiado, como no caso de Marrocos". "E non nos iría mellor saír da UE e negociar, como fan Noruega e Islandia, desde fóra? Para que temos que estar en Europa, para que nos apliquen o tax lease no naval, para que nos impoñan cotas ao leite?", pregúntase.

Agora, máis de 200 mariñeiros galegos quedan abocados ao paro ou á última esperanza de que se acaden acordos beneficiosos con Senegal, Guiné-Bissau ou se arranxen os problemas no Sahara. "Pero xa hai seis barcos do Morrazo que foron ao despezamento e un que se vendeu; aínda que agora se asinase un bo acordo, sete embarcacións cefalopodeiras xa desapareceron", advirte.

Rosa Quintana, conselleira de Mar, tamén aposta por conseguir protocolos beneficiosos para a frota galega con outros países africanos e pide, ao igual que a oposición, que a UE comece xa a buscar unha solución.

Xabier Aboi, secretario nacional de CIG-Mar CC-BY-NC-SA CIG
Versión portuguesa e española da votación do acordo pesqueiro con Mauritania © Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.