Cristina Losada, elixida candidata de Ciudadanos á Xunta

Cristina Losada © Libertad Digital

Cristina Losada será finalmente a candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta de Galicia. A xornalista viguesa impulsada pola dirección estatal do partido foi nomeada directamente logo de que fose a única das aspirantes en superar os 93 avais mínimos necesarios para presentarse ao proceso aberto pola formación laranxa no país. 

A candidata impulsada pola dirección estatal de Ciudadanos foi a única que acadou os avais requiridos para as primarias

Segundo informa Ciudadanos, Losada conseguiu 190 avais, "sendo a única precandidata en conseguir os mínimos requiridos", algo que non fixeron os aspirantes alternativos: Juan Ferreiro chegou aos 66, mentres que Bruno Calo tan só alcanzou 15. Desde a Secretaría de Organización da formación laranxa destácase a importancia destes procesos de primarias e "convida" as outras formacións a "abrir os seus partidos á democracia interna". “Cidadáns demostra unha vez máis que os afiliados son o motor dos partidos que valoran a rexeneración” asegurou Fran Hervías. 

Losada acadou 190 avais, fronte aos 66 de Juan Ferreiro e os 15 de Bruno Calo

A candidata oficialista de Ciudadanos á Xunta, colaboradora habitual en varios medios de comunicación, destacou pola polémica nalgún dos seus escritos. Así, chegou a criticar tras o Prestige o “arraigo en Galicia dunha cultura da subvención, da que xorde unha actitude basicamente pasiva e ruidosamente queixosa”. Segundo dicía tamén, durante o bipartito avanzouse na "erradicación do idioma español" de Galicia. Ademais, e tras saír á luz as fotos de Núñez Feijóo con Marcial Dorado, asegurara que o presidente da Xunta só cometera un “erro de xuízo” ao xuntarse co traficante xa que naquela época “era fácil, en Galicia, coñecer a un contrabandista de aqueles”.

Cristina Losada © Libertad Digital

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.