CxG 'cólase' nos debates da TVG: "Saíron empatar a ceros, e aburriron: cero propostas, cero solucións"

Xoán Bascuas presenciando un dos debates Dominio Público Praza Pública

En Galicia pasamos vinte anos sen debates electorais televisados. E cando por fin chegan fano nun tempo no que a rede abriu moitas máis fiestras polas que difundir as mensaxes políticas. Os vídeos virais e as redes sociais abren o abano para que calquera formación política poida participar no debate, aínda que sexa de xeito díferido. Compromiso por Galicia vén de publicar tres vídeos que constitúen a súa toma de posición nos debates debates televisados que comezaron o luns e que se pechan este mércores e nos que participan PPdeG, PSdeG e BNG. 

Lamentan que os medios públicos galegos "non nos convidasen a participar nesta serie de debates electorais", pero engaden que "nós fixemos o noso traballo: o día que toca, debatemos" e salientan que "somos a organización política emerxente e con máis futuro do panorama galego, e demostrámolo porque só nós sabemos usar a rede".

CxG di que "somos a organización política emerxente e con máis futuro do panorama galego, e demostrámolo porque só nós sabemos usar a rede" 

Acusan os partidos participantes que non ter entrado "nos problemas reais" da xente e critican que o debate Feijoo-Vázquez "non pasará á historia política deste país" pois "saíron empatar a ceros, e aburriron: cero propostas, cero solucións". Segundo CxG "tanto Feijoo como Vázquez demostraron, unha vez máis, seren parte do problema e incapaces de aportar solucións. Nin coñecemos as súas receitas para crear emprego e riqueza, nin sabemos tampouco cómo pensan garantir o benestar despois de seren anecdóticos e superficiais nas súas análises e propostas".

O primeiro dos vídeos de Compromiso denuncia a falta de propostas reais no debate Feijoo-Vázquez. O segundo é unha representación de "como ve a xente o debate" e amosa as súas críticas a PPdeG e PSdeG. No terceiro Xoán Bascuas presenta as propostas de Compromiso.

Xoán Bascuas presenciando un dos debates Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.