CxG constituirase en partido "nacionalista e socialdemócrata" coa vista posta nas municipais

Bascuas e membros de CxG, nun acto electoral CC-BY-SA CxG

Compromiso por Galicia (CxG) define o seu futuro. Tras unhas eleccións nas que "non foi quen de facerse sitio debido tanto ao descoñecemento das nosas siglas e dos nosos referesntes como pola falta de recursos (...) e, sobre todo, por verse eclipsada polo papel de AGE durante a campaña", a formación que lidera Xoán Bascuas prepara a asemblea na que se constituirá como partido e na que fixará os seus principios ideolóxicos. Faino baseándose nuns relatorios nos que xa a traballa a súa militancia e nos que xa bosquexan esa definición política: botarán a andar como un partido "galeguista, ou, o que é o mesmo, nacionalista cívico" e "socialdemócrata".

No referido á cuestión nacional CxG opta pola devandita definición "porque sostemos que Galicia é unha nación cunha identidade, unha cultura e unha lingua propias, pero tamén cuns intereses económicos e políticos específicos", explican os seus textos. Así, coidan que as "raíces" do novo partido están "no galeguismo democrático e universalista que durante a II República impulsou a autonomía, defendeuna fronte ao fascismo e resistiu fronte á ditadura". No plano social e económico CxG é "socialdemócrata e progresista", explican, "porque se sente parte e continuador das correntes que, con orixes e inspiracións diversas favoreceron o progreso económico en Europa e no mundo con altas cotas de igualdade e inclusión social".

O novo partido aspira a unha "revolución tranquila" que se "oriente a unha efectiva transformación das condicións económicas e sociais"

Neste contexto, e ante a "crise na que viven boa parte dos partidos europeos chamados socialdemócratas", CxG argumenta que a súa aposta é "propugnar unha revolución tranquila, fundada en propostas, iniciativas e experiencias construtivas capaces de sustentar ascensos sociais maioritarios e que se orienten a unha efectiva transformación, gradual e progresiva, das condicións económicas, sociais e culturais", tanto en Galicia como "no conxunto do Estado español, de Europa e da humanidade", din.

Sobre esta base, os relatorios que serán debatidos no congreso propoñen como "piares estratéxicos" da acción política de Compromiso a "defensa e extensión do estado de benestar", a "afirmación e robustecemento do autogoberno de Galicia" ou a "rexeneración democrática", que se concretarían en propostas como a "intervención nos mercados financeiros, establecendo controis non só con fins de recadar, senón tamén disuasorios" ante a especulación" ou "recoñecemento do dereito do pobo galego a decidir libremente a relación que quere ter co Estado Español".

Panorama partidario e electoral

CxG celebrará a súa primeira asemblea nun contexto no que, ao seu xuízo, os resultados das eleccións do 21-O "foron, máis ca unha vitoria do PP, unha derrota dos partidos da oposición", que "demostraron sobradamente a súa incapacidade de visualizar ante a cidadanía galega a incompetencia do Goberno", pois, afirman, "estiveron máis preocupados de solucionar os seus problemas internos". Esa "inexistencia dunha alternativa de goberno sólida e fiable explica non só o incremento de escanos do PP, senón tamen a eclosión de AGE como terceira forza política, unha coalición formada unhas semanas antes das eleccións e con evidentes carencias programáticas e de proxecto, aínda que cun liderado coñecido e recoñecido electoralmente como idóneo para realizar unha oposición dura na lexislatura que agora comeza".

CxG coida que unha parte do electorado vai quedar "orfa" pola "radicalización da mensaxe" das "forzas nacionalistas con representación no Parlamento"

Con este campo de xogo, CxG coida que "o escenario que se abre agora na política galega deixa un espazo claro para unha forza política co centro de decisión no país e cun proxecto progresista e cos pés na terra, dirixido ás maiorías sociais". "As forzas políticas nacionalistas con representación no Parlamento", analizan, van optar por unha "radicalización da mensaxe, na súa forma e no seu contido" e, mentres, din, "milleiros de galegos e galegas que apostan por alternativas situadas en coordenadas políticas máis moderadas" van quedar "orfos de representación".

Ese é, polo tanto, o espazo electoral ao que aspira CxG, especialmente cara ás municipais de 2015. "Os resultados obtidos, aínda cun electorado actuando en clave galega, foron significativos e abren a porta ao optimismo" neses comicios, aseguran. Por iso, din os relatorios, o novo partido vai "definir con exactitude a presenza institucional nos concellos, clarificando a situación de cada caso e os graos de implicación no curto e medio prazo". Entre outras accións, propóñense que "a marca Compromiso sexa a utilizada polos distintos concelleiros/as e grupos municipais", no canto de "non adscritos".

Bascuas e membros de CxG, nun acto electoral CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.