CxG propón que as imputacións de cargos públicos impliquen destitución automática

Pérez Bouza, Bascuas e Marrube, en rolda de prensa CC-BY-SA CxG

"Reformar todas as normas que sexa preciso para que cando un cargo de representación institucional sexa imputado en firme por unha autoridade xudicial, isto o incapacite para seguir no cargo". É unha das propostas que Compromiso por Galicia (CxG) lanza en materia de "ética" de cara ás eleccións do vindeiro 12 de outubro. "Preocupados" ante "os últimos sucesos relacionados coa corrupción e a falta de ética política" o candidato da formación á presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, e mais os seus cabezas de lista por Lugo e Ourense, Iván Marrube e Xosé Manuel Pérez Bouza, apostaron por poñer en práctica as recomendacións incluídas na memoria da Fiscalía Superior de Galicia de 2011 na que, entre outros aspectos, o titular da institución, Carlos Varela, sinalaba a necesidade de poñer en marcha "un plan de prevención da corrupción nas institucións públicas".

"Nas mesas de contrtación deben estar representantes da oposición, pero tamén sindicatos, organizacións empresariais e cidadáns"

"A sociedade está cansa e o poder político podreceu, porque o acceso ao poder é por fins persoais", asegura Marrube. "A tolerancia coa corrupción ten que ser cero", engade Pérez Bouza, para quen os casos dos concellos de Ourense e Boqueixón, amosan a necesidade de "non acpetar dimisións á carta", porque "é mellor previr que curar". "Hai motivos para dicir que non todos somos iguais -abonda- pero en Compromiso non somos nin sequera parecidos". 

Por todo isto Bascuas sinala que, ademais da destitución automática de calquera cargo político imputado nun preocedmento xudicial, Compromiso propón reformar a Lei de Contratos do Estado, para "reducir ao máximo as contratacións que se poidan facer a través de xeito directo" ou "a través de concursos trampa". No seu lugar CxG propon xeralizar o uso da "poxa pura" ou "concursos nos que non se teñan en conta cuestións subxectivas". Ademais, explica, "A lei debe obrigar a que as adxudicacións dos concursos e poxas se resolva en mesas plurais", como xa acontece nalgúns concellos. Nelas, propón, deberan sentar "representantes da oposición", pero tamén "sindicatos, organizacións empresariais e mesmo cidadáns". Estas iniciativas completaríanse cunha política de "listas brancas", para que "ningún cidadán imputado en firme por unha autoridade xudicial poida formar parte dunha candidatura electoral".

Pérez Bouza, Bascuas e Marrube, en rolda de prensa CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.