CxG propón un novo sistema electoral cun método proporcional puro e listas desbloqueadas

Votación nun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Compromiso por Galicia vén de presentar unha proposta alternativa de reforma do sistema electoral Por unha reforma electoral xusta. + Democracia, + Transparencia, + Participaciónen resposta ao plan do PP de redución do número de deputados que rexeita por atentar "contra a pluralidade existente na sociedade galega”. A cambio ofrece alternativas para recortar en 16 millóns de euros os gastos do Parlamento, mantendo os 75 representantes e cun novo sistema electoral, que muda a Lei d'Hont por un método proporcional puro, con listas desbloqueadas e a eliminación do limite do 5%. CxG aposta en concreto polo método Sainte-Lagüe/Schepers corrixido.

O texto aposta por "reducir gastos en lugar de reducir deputados"

O texto aposta por "reducir gastos en lugar de reducir deputados" pedindo a redución do salario (soldo+dietas) dos deputados e deputadas do Parlamento de Galicia en 2.000 € mes e a redución dun 25% das subvencións aos distintos grupos parlamentarios. De igual modo, a proposta de Compromiso afecta tamén á regulación das campañas nos medios de comunicación, a duración das mesmas e insiste na necesidade da implantación das listas brancas, “poñendo condicións máis duras e promovendo o endurecemento das causas de inexibilidade como cargo público”.

CxG avoga tamén por eliminar o sistema de bloques informativos e establecer a igualdade de tempos e espazos electorais para todas as candidaturas que concorran ás eleccións, tanos nos medios de comunicación privados como nos públicos. De igual modo, propón que exista a obrigatoriedade de debates nas campañas electorais, requisito cuxo incumprimento por parte de calquera candidatura implicará a súa exclusión do proceso electoral. Tamén defende a limitación de gasto nas campañas electorais e propón a redución á metade das subvencións electorais por escano obtido e por votos, de igual modo que a eliminación da subvención do envío directo e persoal de papeletas aos electores e ás electoras (o chamado mailing).

Defende un novo sistema electoral, que muda a Lei d'Hont por un método proporcional puro, con listas desbloqueadas e a eliminación do limite do 5%

Segundo Bascuas, o documento presentado non só se cinxe a aspectos da propia lei electoral, senón que vai máis alá, constituíndo un proposta “de máximos” con obxectivos máis ambiciosos, que tamén precisarían da reforma de Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral ou do Estatuto de Autonomía. Non obstante, o líder de CxG insiste en que “o eixo vertebral, o do aforro, o do mantemento da pluralidade política e as listas brancas bastaría con acordos da Mesa do Parlamento e coa reforma de media ducia de artigos da lei electoral vixente”.

 

Votación nun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.