A provincia de Pontevedra conta con 62 concellos. E moitos máis campos de fútbol de herba artificial. Na pasada lexislatura a Deputación gastou ao redor de 36 millóns de euros en construír uns setenta campos. Nos últimos meses, novas obras en Vilaboa, Covelo, Cotobade, Marín, Barro, Cuntis ou Moraña, cun custe dun millón de euros nalgún caso, súmanse á lista. Moitos concellos contan con máis dun campo e, por exemplo, Ribadumia, con cinco mil habitantes, dispón de catro. Crecen as críticas ao despilfarro, as sospeitas de amiguismo na elección das localidades agraciadas con estas obras ou nas empresas envargadas de levalas a cabo, e tamén se denuncian os crecentes custes de mantemento.
Na pasada lexislatura a Deputación gastou ao redor de 36 millóns de euros en construír uns setenta campos
Recentemente Galiza Nova puxo na balanza o gasto de cartos públicos que implica cada unha destas obras. Por exemplo, en Cuntis, o recentemente reformado campo de fútbol de A Ran custou un millón de euros, que se poderían ter convertido en 12.500 bolsas de material escolar, 1.602 axudas a familias en situación de risco, 600 axudas en vivendas sociais, ou en 125.000 maiores que non terían que agar as súas medicinas. Cuntis ten 550 persoas desempregadas ou un Centro de Día e un Polígono Industrial abandonados. Máis críticas chegasn dende a comarca do Umia. O proxecto comunicativo Quinteiro do Umia publicou hai dúas semanas unha reportaxe na que denunciaba a situación, e na que recollía o malestar existente en BNG, PSdeG-PSOE e Independentes por Moraña.
Houbo un tempo no que se falaba da "política de asfalto" que exercían certos dirixentes, alcaldes e presidentes de deputacións. Agora o acondicionamento de pistas, piscinas e pavillóns, semellan ter deixado o seu lugar ao céspede artificial
O obxectivo declarado da Deputación é "dispoñer de cando menos un campo na práctica totalidade dos concellos, se ben nalgúns municipios haberá máis de un pola súa maior poboación, que se traduce nunha maior utilización deste tipo de terreos de xogo". E iso a pesar de que moitos dubidan da necesidade deste tipo de instalacións nunhas comarcas que figuran entre as máis chuviosas de España. Houbo un tempo no que se falaba da "política de asfalto" que exercían certos dirixentes, alcaldes e presidentes de deputacións. Agora o acondicionamento de pistas, piscinas e pavillóns, semellan ter deixado o seu lugar ao céspede artificial.
Nos últimos tempos inauguráronse campos en Augas Férreas (A Cañiza), A Sangriña (A Guarda), San Amaro (Cangas), Hío (Cangas), O Aral (Baiona), As Corticeiras (Caldas de Reis), O Pombal (Cambados), Municipal de Chapela (Redondela), As Cachizas (Meaño), O Regatiño (Tomiño), A Carballa (Tomiño), As Cercas (Gondomar), Coto Torrón (Mos), Pardellas (Ponteareas), Angoares (Ponteareas), Chan da Barcia (Pontecaldelas), Atios (O Porriño), Monte da Lomba (Vilanova), As Chans (Vilanova), O Casal (Salvaterra), O Salgueirón (Soutomaior), Álvarez Durán (Tui), Ribadelourco (Tui), Camballón (Vila de Cruces), A Bouza (Illa de Arousa), Silleda (Silleda), Cuíña (A Estrada), A Xunqueira (Pontevedra), A Bouza (Ribadumia), San Pedro (Marín), Mondariz (Mondariz), A Seca (Poio), Ramón Diéguez (Pontecesures), A Rapeira (Portas), O Revel (Sanxenxo) ou San Martín (Vilagarcía).
E, aínda máis recentemente aprobouse gastar 676 mil euros en Marín, 442 mil euros en Vilaboa, 342 mil euros en Cotobade, 354 mil euros en Covelo, ao redor dun millón de euros en Moraña, outro millón de euros en Cuntis... A lista e a factura seguen crecendo e as contas finais son difíciles de cuatificar, ante a multitude de contratos e obras anexas que se engaden á obra principal. Os opositores a este tipo de proxectos sinalan tamén que a meirande parte dos concellos no que se levan a cabo estas obras están gobernados polo Partido Popular. Outras críticas refírense á recurrencia de certas empresas como Covsa (Construcións Obras e Viais S.A.) na adxudicación dos traballos de construción ou de mantemento.
Tamén se sinala o elevado prezo do mantemento destas instalacións, que requiren de reformas periódicas das que deben facerse cargo na súa totalidade ou en parte os concellos, sendo estes campos un pesado lastre para as fracas facendas locais
A este respecto, tamén se sinala o elevado prezo do mantemento destas instalacións, que requiren de reformas periódicas das que deben facerse cargo na súa totalidade ou en parte os concellos, sendo estes campos moitas veces un pesado lastre para as fracas facendas locais. Esta situación, e as críticas xeradas, levou a Louzán a ofrecer o apoio da Deputación no seu mantemento. En 2011 a Deputación sacou a concurso a renovación do céspede en 36 campos, cun custe total de 190 mil euros máis IVE. No pasado, outras críticas chegaran, precisamente, polo abandono ao que a Deputación sometía a estes campos, impracticables poucos anos despois da súa inauguración.
Os grupos da oposición tamén denuncian que estes campos non saen "a custe cero" para os concellos, que deben facerse cargo das infraestruturas de saneamento, conexións de auga e luz, os subministros para as máquinas que participen na súa construción. Tamén lle reclaman á Deputación de Pontevedra un "deseño racional" para a instalación destes campos, para que beneficien a máis xente e non se dupliquen infraestruturas en zonas anexas, en palabras de Eva Villaverde, do BNG de Moraña: "son necesarios todos? Non". E sinalan estas obras como "prescindibles", porque o "imprescindible", segundo Manuel Campos, do PSdeG de Cuntis, é que os nenos e as familias teñan acceso á sanidade e ao ensino de calidade. Ou como conclúe Arturo García, de Independentes por Moraña, "se ti lles dis a uns pais se prefiren que o seu fillo xogue nun campo de herba artificial ou que teña libros de texto gratuítos ou transporte escolar, van optar polo segundo".