David Fernández: "Non quero vivir da política, pero iso non ten mérito ningún"

David Fernández, deputado de AGE CC-BY-SA AGE

Deixar o seu escano no Parlamento para emigrar a Dinamarca e traballar na investigación científica. Iso é o que decidiu David Fernández, deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), nunha actitude que sorprende ou destacan moitos, pero que para el "non ten nada de relevante". Enxeñeiro técnico agrícola pola Universidade de Vigo e enxeñeiro de montes pola USC, exerceu xa de investigador no estranxeiro e publicou xunto a outros científicos máis de trinta artigos en revistas de prestixio internacional. Entrou na Cámara cando levaba case un ano no paro e marcha, a finais de mes, case un ano despois para seguir coa súa carreira profesional.

Ten algo de meritorio ou relevante que abandone a política para dedicarse á investigación?

Nin meritorio nin relevante, é o mellor para min persoalmente.

Di que marcha porque non quere converterse nun "político profesional"...

É certo. Na miña profesión, a investigación científica, se boto catro anos fóra despois éme moi difícil reenganchar. Tiña moito medo a iso. Eu non quero vivir da política, desde logo, pero iso non ten mérito ningún.

"Non quero ser político e non me custa absolutamente nada deixar o Parlamento"

Digamos que é o máis sensato?

É o máis sensato que podo facer, pero para min mesmo. Estaba na política e lonxe da ciencia porque non tiña ningún tipo de oportunidade nin en Galiza nin no Estado español. Agora xurdiume esta oportunidade en Dinamarca e vouna coller porque o que quero é ser científico e non ser político. Se continúo no Parlamento máis tempo, vaime ser moi difícil dedicarme ao que realmente me gusta e ao que levo dedicado moitos anos. Por iso deixo o Parlamento. E non me custa absolutamente nada.

Considérase un exiliado pola crise ou o sistema económico?

Si, evidentemente. Se tivese oportunidades de desenvolver a miña carreira científica en Galicia non me volvería marchar. Xa estiven fóra case dous anos e medio, foi unha experiencia positiva e xa me tocaba desenvolver a miña carreira en Galiza, pero nestes momentos non pode ser porque non se está apostando nada pola ciencia.

"Son un exemplo máis de xente que ten que marchar para traballar do que se preparou; é terríbel, unha desgraza"

Semella que noutros lugares si.

Hai quince días estiven visitando xente coa que traballei en Suecia hai uns anos e dixéronme que eles teñen máis fondos que nunca para investigar e aquí ocorre todo o contrario. Eles estimaban que recortes do 10% suporían a paralización de moitas investigacións e aquí os recortes están sendo do 50%. Fagamos a comparación. Son un máis, un exemplo máis do que lle ocorre a moita outra xente do ámbito científico que, se quere desenvolver aquilo para o que se preparou, non pode facelo no seu país. E isto é terríbel, unha desgraza.

"A xente que só vive da política non pode achegar moito á sociedade, non está inserido nela"

Cre que hai moito político profesional tamén en Galicia?

Desde logo. Hai xente que única e exclusivamente vive da política, incluso desde os 16 anos. Para min, iso é bastante negativo porque nesas condicións non poden achegar moito para mellorar a sociedade porque non están inseridos nela. Ademais, cando abandonan os cargos políticos polos que veñen sendo remunerados teñen problemas persoais para reciclarse e tamén poden xerar e xeran problemas internos nos seus propios partidos porque se teñen que aferrar ao cargo para poder sobrevivir. A iso me refería eu cando dicía que non me quería converter nun político profesional e polo que debo ter a liberdade de poder marchar cando queira.

Que balance fai do seu paso polo Parlamento?

A nivel persoal e de grupo, ben. En canto ao coñecemento do Parlamento, de como funciona e do nivel que ten, pois bastante mal. O nivel xeral do debate parlamentario é bastante baixo e case se limita ao de “e ti máis”. Hai poucos argumentos e todo se centra en botarlle a culpa aos demais e non asumir as túas propias responsabilidades. Case en ningún momento tiven un debate de fondo sobre tema ningún.

"O nivel do Parlamento, en xeral, é bastante baixo e decepcionante"

Decepcionado?

Foi unha decepción porque nos debates esperas posicións ideolóxicas de fondo, que son lexítimas, e iso é sobre o que se debe debater e non sobre o que se debate no Parlamento.

Hai quen culpa a AGE do "desprestixio" do Parlamento...

Se a dinámica e o funcionamento do Parlamento fose decente, se realmente se confrontasen ideas, non se chegaría a isto. Igual é por non estar afeitos, pero a sensación de chegar alí, defender unha postura e sentirte insultado polas respostas do Goberno ou do PP, que non se basean en argumentos senón en falar de cousas que non teñen nada que ver co tema... É bastante decepcionante. Eu nos primeiros meses tiven bastante dificultades para conterme e non contestar as burradas e estupideces que alí se din.

"Tiven dificultades para me conter e non contestar as barbaridades que se din na Cámara"

A vostede acusárono de crear polémica e incluso de non vestir axeitadamente. E foi expulsado.

As veces que defendín as miñas propias iniciativas ou posturas non se me rebatía. Eu o que non estou disposto é a que, por puro formalismo, teña que estar calado mentres alí se din todo tipo de barbaridades. Nin tan sequera me ruborizo. É lexítimo o debate de fondo e sobre ideas, pero iso de botarlle a culpa aos demais dos problemas que existen e non entrar no fondo das cuestións amólame bastante. Non sei se hai xente capaz de aturar iso, pero eu non, desde logo.

Como é a convivencia dentro do Parlamento?

A convivencia, a pesar do que poida parecer, non é mala dentro. Eu, como deputado, podo incluso admirar algúns deputados do PP porque entraban dentro do que eu consideraba que debían ser e defendían as súas ideas, aínda que eu non as compartise. Pero podo contalos cos dedos dunha man. Hai deputados que merecen a miña admiración, pero en xeral o nivel do Parlamento é bastante baixo.

"Hai deputados do PP que podo admirar, pero cóntoos cunha man"

Cando volva de Dinamarca, cre que Galicia estará mellor?

Iso espero. Non podo facer unha previsión, pero iso agardo porque será bo para o conxunto dos cidadáns. Independentemente de quen goberne, o meu desexo é que as cousas vaian a mellor.

David Fernández, deputado de AGE CC-BY-SA Anova Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.