"Mírese por onde se mire é un tema irregular". Quen fala é o catedrático de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña Pedro López Gómez. O que fora director do Arquivo do Reino de Galicia entre 1986 e 1995 conversa con Praza Pública en torno á posibilidade, apuntada polo presidente da Xunta en pleno debate sobre as contratacións coas empresas do narcotraficante Marcial Dorado, de que nos arquivos da Administración autonómica "non haxa nada" anterior ao ano 2003 a respecto de contratacións. López Gómez teno claro: "se se destrúe documentación de forma arbitraria vaise contra o patrimonio documental de Galicia" e iso "vai contra as normas", concretamente, contra a lexislación estatal.
O catedrático evidencia que "pode non haber" os contratos que agora reclama a oposición parlamentaria porque os responsables gobernamentais "os destruísen" pero "se o fixeron están cometendo unha arbitrariedade", xa que "non hai ningunha norma que permita facelo sen pasar por unha comisión asesora", tal e como prevé a lexislación estatal -non hai normas autonómicas ao respecto, aínda que se redactaron varios proxectos-. E "esas comisións non existen". Así as cousas, debulla, "se se destruíron foi sen autorización formal e sen o asesoramento de quen tería que facelo" previamente a que a Administración "lle dese o visto e prace" definitivo. "De facelo, cousa que por outra banda non me estrañaría, fíxose á marxe da norma".
"Se dende Presidencia afirman que destruíron documentos estano facendo á marxe das normas e alguén terá que explicalo"
En calquera caso, o catedrático valora que, neste caso concreto, aludir á eliminación de documentos "é un pretexto que lles saíu mal". "É moi doado dicir que se destruíron", pero a continuación xorde unha "pregunta", ilustra: "quen o autorizou?". "Se dende Presidencia afirman que o están facendo, estano facendo á marxe da norma e alguén terá que explicalo". Así e todo, López Gómez réstalle valor á posibilidade de que haxa unha destrución sistemática de documentos, "porque en xeral na Administración non se preocupan tanto da documentación como para tomar a molestia de eliminala". "Simplemente -explica- vana almacenando" agás en "tres ou catro consellerías", onde "hai arquivo e arquiveiro".
Os documentos da Xunta "están en almacéns, tanto nas propias consellerías como repartidos por todo Santiago de forma aleatoria, é un desastre total"
Salvando esas excepcións, sinala, no resto de departamentos "teñen almacéns que están tanto nas propias consellerías como repartidos por todo Santiago de forma aleatoria", un "desastre total" do que os responsables da Xunta "son conscientes, pero non fan nada por arranxalo, porque iso significaría poñer cartos enriba da mesa". Así as cousas, "non hai ningún control" nin se fan "transferencia de forma regular ao Arquivo de Galicia", agora instalado na Cidade da Cultura. Mentres eses "múltiples depósitos" abarcan "uns cincuenta quilómetros de documentos" o catedrático advirte ademais de que, en caso de producírense eliminacións, estas "non se fan sen documentar o eliminado". Cuestión aparte son os contratos, salienta, que "son documentos xurídicos e non se eliminan".