Dez incumprimentos electorais de Mariano Rajoy

Mitin do PP en Vigo durante a campaña das xerais © PP

Este 20 de novembro fanse dous anos dende que o PP gañou as eleccións xerais con maioría absoluta. Os conservadores incumpriron, entre outras, as súas promesas de non subir impostos, non recortar as pensións nin os servizos públicos.

"Eu non vou subir os impostos, non"

Faltaban catro días para que os cidadáns acudisen ás urnas e Mariano Rajoy lanzou unha das súas claves de campaña: "Eu non vou subir os impostos, non". Fíxoo nunha entrevista en El País, o 16 de novembro de 2011, pero foi unha das súas consignas na oposición e durante toda a campaña electoral: "Subir os impostos hoxe significa máis paro e máis recesión. Subir os impostos hoxe é darlle unha volta máis ás maltreitas economías das familias e as empresas", foi o seu argumento central.

O primeiro Consello de Ministros presidido por Rajoy aprobou unha gran subida de impostos que afectou as rendas dos traballadores, do aforro e ao IBI. En meses sucesivos, o Goberno aumentou outros impostos, entre eles o IVE, que por primeira vez subiu tres puntos dunha tacada.

Rajoy incumpriu outra das súas promesas ao achacar ao Executivo de Zapatero a necesidade desas medidas. "Non me vou queixar da herdanza que reciba", asegurou o candidato do PP en plena campaña, pero justificó os seus primeiros recortes e subidas impositivas na fenda do déficit, que foi do 8,51%, mentres os socialistas o situaran no 6%.

"Non vou tocar as pensións"

Outra das grandes bandeiras durante a campaña: "O Partido Popular está comprometido co mantemento do poder adquisitivo das pensións", rezaba o programa. "Non vou tocar as pensións", concretou Rajoy. Agora reformou o sistema para desligar as pensións do IPC, o que na práctica vai implicar unha perda de poder adquisitivo: en 2014 as pensións só subirán un 0,25% mentres que o incremento dos prezos será maior. Ademais, a reforma suporá unha retallada de 33.000 millóns de euros entre 2014 e 2022.

Rajoy cargou contra Zapatero en maio de 2010 por conxelar as pensións e asegurou que os socialistas abandonaran o Pacto de Toledo por tomar esa medida. As decisións do Goberno nesta materia foron rexeitadas polos sindicatos e a oposición.

Tampouco tocaría Sanidade e Educación

"Voulle a meter a tesoira a todo, salvo ás pensións públicas e, aínda que sexa competencia das comunidades autónomas, á sanidade e á educación, onde non quero recortar os dereitos dos cidadáns"

"Voulle a meter a tesoira a todo, salvo ás pensións públicas e, aínda que sexa competencia das comunidades autónomas, á sanidade e á educación, onde non quero recortar os dereitos dos cidadáns". De novo Rajoy, en campaña.

En abril de 2012, estas partidas sufrían un recorte de 10.000 millóns de euros. Agora non o pode achacar ao erro das cifras de Zapatero, e a austeridade continúa: Sanidade terá un 35,6% menos de orzamento en 2014 e Educación acumula un recorte do 24% en tres anos. Aos recortes hai que sumar a privatización que protagonizan os baróns nas Comunidades Autónomas -fronte á defensa da sanidade pública, universal e gratuíta que fixeron en campaña- ou a subida das taxas universitarias.

"Non vou introducir o copago en Sanidade"

Repetírono até a saciedade: "Non ao copago en Sanidade". Pero a realidade desde a campaña é outra: Ana Mato impuxo o copago para o transporte sanitario, para medicamentos de patoloxías crónicas habituais, como hepatite C ou leucemia, ou as prestacións ortoprotésicas.

A teleasistencia a persoas dependentes deixou de ser gratuíta. O Goberno deixou sen cartón sanitario a 873.000 persoas que terán que pagar até 157 euros mensuais por acceder á carteira básica.

Obxectivo: "loitar contra a corrupción"

O PP mantivo contratados ata este ano a varios implicados no caso Gürtel

"A loita contra a corrupción é un dos obxectivos principais do Partido Popular, xa que o funcionamento do sistema democrático non debe quedar nunca en dúbida por actitudes permisivas, indolentes ou exculpatorias ante a gravidade de determinados comportamentos", aseguraba o programa electoral do partido que mantivo contratados até este ano a varios implicados no caso Gürtel, como Jesús Sepúlveda e Luis Bárcenas, e que paga a unha empresa da trama o aluguer da vivenda na que se aloxa Esteban González Pons.

"A exemplaridade e a transparencia deben presidir a actuación de quen asumen responsabilidades públicas", engadía o texto do PP, que utilizou en dúas ocasións a súa maioría absoluta para evitar que Rajoy dese explicacións no Congreso sobre o presunto cobro de sobresoldos en B e a contabilidade paralela do partido.

Independencia xudicial

O programa electoral do PP facía unha chiscadela aos tribunais e ao Ministerio Fiscal, ao que acusara de estar ao ditado do PSOE. "Propiciaremos o respecto á súa independencia e imparcialidade", dicía o programa electoral en referencia aos xuíces e fiscais. Un ano e medio despois, o PP presionou -chamada de Rajoy ao CGPJ incluída- para que o xuíz Gómez Bermúdez non interrogase a Luis Bárcenas e o caso da presunta contabilidade B quedase en mans de Pablo Ruz.

"A actuación da Policía Xudicial non pode estar dirixida politicamente como, segundo moitos indicios, está a selo nos últimos tempos", queixouse De Cospedal en setembro de 2010. Recentemente, o Goberno de Rajoy destituíu o comisario encargado das investigacións de Gürtel e Bárcenas.

Contra o aborto

O Partido Popular secundou as mobilizacións ultraconservadoras en contra da lei do aborto durante o Goberno socialista. "Cambiaremos o modelo da actual regulación para reforzar a protección do dereito á vida, así como das menores", sinalaba o seu programa electoral.

No ecuador da lexislatura, Gallardón non presentou aínda o anteproxecto de lei, que se adiou até en catro ocasiones e que, como mínimo, non se tramitará no Parlamento até febreiro de 2014. A modificación é unha das polémicas en Génova despois de que o ministro de Xustiza asegurase que a malformación fetal non sería un suposto para o aborto.

"O PP non pretende abaratar o despedimento"

Rajoy abaratou o despedimento apenas un mes e medio despois da súa toma de posesión

En 2011 o PP estaba en contra de abaratar o despedimento. "Non imos abaratar o despedimento, senón a abaratar o custo da contratación", dixo o entón portavoz económico do PP, Cristóbal Montoro. "Fixeron unha reforma laboral que provocou máis paro e abaratou o despedimento", recriminou Rajoy ao candidato socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba, durante o cara a cara televisivo días antes das eleccións.

A reforma laboral aprobada apenas un mes e medio despois da súa toma de posesión reduciu a indemnización por ano traballado de 45 días a 33, cun máximo de 24 mensualidades, mentres que a do despedimento procedente será de 20 días por ano traballado, cun máximo dun ano de salario.

Sen ampliación do permiso de paternidade

Outra promesa electoral incumprida foi a de ampliar o permiso de paternidade para establecer un "período mínimo obrigatorio". Ao gañar os comicios, Rajoy comprometeuse a regular que, a partir do 1 de xaneiro de 2013, o permiso para os pais polo nacemento dun fillo fose de catro semanas. Pero non o fixo e agora volve pospoñelo a 2015.

Non baixar o soldo aos funcionarios

"O PP nunca baixaría o soldo aos funcionarios. Nunca hai que axustar na parte débil do orzamento". Díxoo Esteban González Pons en outubro de 2011. O programa electoral do PP era difuso en canto aos salarios dos traballadores públicos e, durante a campaña, Rajoy limitouse a dicir que non baixaría un 5% os soldos dos traballadores públicos, sen precisar máis.

En 2012, o Goberno deixou sen paga extra de Nadal aos funcionarios, o que supuxo ao redor dunha redución do 7% nos seus ingresos, que levan conxelados desde 2009.

No caso dos funcionarios de prisións, o PP comprometeuse a mellorar o estatuto legal destes funcionarios "outorgándolles maior responsabilidade na execución das políticas penais". Para o PP era necesario abordar o problema da masificación para mellorar a situación dos cárceres.

Con todo, os representantes sindicais seguen denunciando a masificación, que, ao seu xuízo, provoca problemas de seguridade. Ademais, os sindicatos protagonizaron protestas porque, lonxe de outorgarlles maior responsabilidade, o Goberno mantén os recortes e contrata seguridade privada no canto de sacar oferta pública.

"Todos os anos perdemos de 300 a 400 euros efectivos nada máis na parte de xubilacións", asegurou Adolfo Fernández, de CSIF. Comisións Obreiras alertou do "menoscabo do servizo público de Institucións Penais ao non haber oferta de emprego público e que no futuro levaranos á privatización total do todo o sistema penal".

Mitin do PP en Vigo durante a campaña das xerais © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.