Dez preguntas de Feijóo á oposición

Feijóo, nun intre do pleno © Conchi Paz

Segunda xornada do pleno ordinario do Parlamento. Como corresponde, os grupos parlamentarios da oposición acudiron á sesión plenaria con cadansúa pregunta para o presidente da Xunta, obrigado a responder polas normas do lexislativo galego. Como adoito, PSdeG, AGE e BNG remataron a coñecida como sesión de control ao presidente con poucas respostas e máis preguntas que as que tiñan inicialmente: as súas e as que lles formulou Alberto Núñez Feijóo dende o escano presidencial. O titular da Xunta inverteu novamente a dinámica parlamentaria para lanzar, cando menos, dez interrogantes sobre a bancada opositora.

Ao PSdeG

1-"De verdade quere falar en serio da industria naval?"

2-"Ao final da sesión me poderá dar os 100 barcos en construción en 2009, en que estaleiro?"

3-"Barreras estaba quebrado, non o sabía?"

4-"Dígame unha soa proposta que dependa do Goberno"

O voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, quería saber se Feijóo "ten algunha idea concreta para recuperar o sector industrial en Galicia", un ámbito da económia galega que "encabeza o ranking peninsular de destrución de emprego", con 55.000 postos de traballo perdidos "dende que Feijóo é presidente". "Levan cinco anos no Goberno", polo que xa "non caben promesas nin herdanzas", advirte o parlamentario do PSdeG, quen centra a súa petición de explicacións na crítica situación do sector naval. Botando man do anuario económico elaborado en 2008 pola extinta Fundación Caixagalicia Romeu subliña que cando o PP chegou á Xunta "había 100 buques en construción" no país e "hoxe hai cero", algo que non acontecera "nunca na historia de Galicia" -minutos despois da sesión de control, a Xunta distribuíu datos das xerencias do naval no ano 2009 que reducían a carteira de pedidos a 29 e os novos contratos, a 3-. 

Romeu: "Levan cinco anos no Goberno, xa non caben promesas nin herdanzas"

"Debe ter vostede un centro de estudos que non lle fai moitos favores", retrucou o presidente, que culpa o PSOE non só da falta de encargas para Navantia durante os seus anos de Goberno no estado, senón tamén da sanción europea ao naval polo tax lease regulado en tempos de Aznar. En calquera caso, para Feijóo as "propostas" do PSdeG non teñen que ser tidas en conta, porque son as "que nos levaron á crise conómica". Mentres, a Xunta está "facendo as cousas razoablemente" e xa traballa "nun novo modelo económico" para "despois da crise", asegura.

A AGE

5-"Vostede respecta realmente a Xustiza?"

6-"Vai respectar a sentenza en relación co caso Bárcenas?"

7-"Cando fala de que se dan contratos a cambio de doazóns refírese a Izquierda Unida?"

8-"Vale a pena preguntar; de que presume?"

Tras meses reclamando, como o resto de grupos da oposición, a comparecencia do presidente da Xunta a respecto do presunto financiamento irregular do PP, a vicevoceira de AGE achegou ao Parlamento parte da documentación da que dispón Esquerda Unida a respecto do caso Bárcenas, toda vez que IU está persoada neste procedemento xudicial. A xuízo de Díaz Feijóo debe dar explicacións despois de que o ex xerente do PPdeG, Modesto Fernández, detallase ingresos por unha suma total de 2,6 millóns de euros "de empresas coas que vostede leva traballando e adxudicando". O xuíz Ruz, que instrúe a causa, di, detecta "unha certa corrente financeira de cobros e pagos continuada" e "á marxe da contabilidade remitida ao Tribunal de Cuentas". "Isto é O Padriño, a familia; vai render contas?".

Díaz cualifica o PP de "mafia" a conta do caso Bárcenas

"Para vostede, o PP sempre é culpable", censura Feijóo, quen lamenta que Díaz diga "tranquilamente" que "hai un financiamento ilegal" no PP. Coas súas acusacións, censura, AGE non ataca o PP, senón que "dubida dos interventores, dos asesores xurídicos e dos técnicos que conforman as mesas de contratación". "Eu nunca modifiquei unha proposta dunha mesa de contratación, hai outros que si o fixeron", asegura. "Estes papeis non son de AGE, son do xuíz Ruz", insistiu a vicevoceira de Alternativa, para que "a cesta das mazás do PPdeG está podre", "é a familia, a mafia", afirma. "Este tipo de cuestións non se poden aceptar nun parlamento democrático", criticou o presidente, molesto coa "ignominia" que fai "esta señora" de maneira "constante". En calquera caso, conclúe, as "doazóns anónimas" ás que tería que atender Díaz son ás de "Izquierda Unida en Andalucía". "Piensa el ladrón que todos son de su misma condición", espetou.

Ao BNG

9-"Está a favor de que Novagalicia poida ser adquirida pola banca española, por fondos europeos ou por un banco internacional?"

10-"Se defende os fondos americanos, dígao claramente"

Tamén o voceiro do BNG foi con preguntas e volveu preguntado. Francisco Jorquera quería saber "a servizo de quen está" o presidente da Xunta na venda de Novagalicia Banco que, igual que o futuro de Navantia, é unha "cuestión de Estado para Galiza". Feijóo, censura, "presume de influír en Madrid" pero, á hora da verdade, esa influencia limítase a "mandar os alcaldes cunha pancartiña", no caso do naval, ou en calar ante "unha nova estafa" aos "aforros dos galegos".

Jorquera: "Repase o Regulamento, as preguntas fágoas eu"

Pero para Feijóo o "problema" non é ningunha das situacións descritas por Jorquera, senón que o BNG "non ten respostas, porque as súas respostas económicas nos levaron á situación" actual de Novagalicia Bano e de Navantia. "En Galicia nos coñecemos todos", resume o xefe do Executivo, quen se presenta como resignado a "traballar só" pola economía e a industria do país. "Repase o Regulamento, as preguntas fágoas eu", evidenciou Jorquera.

Feijóo, nun intre do pleno © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.