Dividirá o Goberno en catro empresas a Renfe a pesar da traxedia de Santiago?

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

“Non creo que se atrevan a levar hoxe ao Consello de Ministros os plans de liberalización do tráfico de pasaxeiros por ferrocarril en España e a división de Renfe en catro sociedades, despois do ocorrido o mércores en Santiago de Compostela”. Quen así se expresa é unha das dirixentes sindicais da operadora ferroviaria que este venres ás 13.30 está convocado pola ministra de Fomento, Ana Pastor, para recibir explicacións sobre o contido do proceso liberalizador e privatizador do tren que o Executivo se comprometeu a realizar antes do próximo mércores 31 de xullo. Os sindicatos convocados son CCOO, UGT, CGT, Semat e SCF, e ningún deles recibira onte algunha indicación para suspender ou aprazar o encontro.

Nas xornadas anteriores a que se producise o tráxico descarrilamento do tren Alvia, as noticias sobre os plans liberalizadores do ferrocarril de pasaxeiros e sobre a división de Renfe tornaron confusas e contraditorias. Nunha filtración que sen dúbida proviña de Ana Pastor, un diario económico informaba de que o Ministerio de Fomento estaba a valorar a posibilidade de volver fusionar Renfe co administrador de infraestruturas ferroviarias, Adif. Non só non se abriría o mercado á competencia, senón que volvería a un esquema de hai unha década, que por outra banda é o que manteñen algúns dos grandes colosos do ferrocarril europeo como é a ferroviaria francesa SNCF.


Non se fían

O plan de división de Renfe ao que o Consello de Ministros podería dar vía libre hoxe mesmo contempla a súa segregación en catro sociedades

Pero os representantes dos traballadores do ferrocarril non se fían. No vai e vén de posicións que Ana Pastor foi mantendo ou, cando menos expresando en público, as fontes citadas temen que nas próximas horas se concreten en tres medidas distintas: a primeira a división de Renfe en catro sociedades diferentes, a segunda o lanzamento do escenario de liberalización do tráfico de pasaxeiros que vaia máis aló do anunciado ultimamente e que afectaría só aos trens turísticos de luxo, e o terceiro a aprobación dun ERE para reducir a compañía en 500 empregos este mesmo ano e non realizar ningunha nova contratación até 2023.

O plan de división de Renfe ao que o Consello de Ministros podería dar vía libre hoxe mesmo contempla a súa segregación en catro sociedades. A primeira empresa estaría especializada en tráfico de pasaxeiros; a segunda a actividades de mantemento de trens, a terceira a tráfico de mercadorías, e a última á xestión do actual parque de trens e material rodante da compañía. Nalgún momento pretendeuse que a propia Renfe, ou o que quede delas, debería ceder a esta sociedade o seu propio material, aínda que agora parece que só lle entregará os trens que ten inactivos.


Privatizar

Segundo as novas ideas de Ana Pastor, non se deixaría entrar a terceiros operadores directamente nas liñas de alta velocidade, senón que en forma de paquete esixiríaselle facerse cargo da explotación doutros servizos menos rendibles

O segundo eixo da iniciativa transformadora do ferrocarril pasa por privatizar algúns servizos da Renfe actual, especialmente o de mercadorías e o de mantemento. Á súa vez prevese liberalizar os servizos de pasaxeiros, introducindo operadores privados nos corredores do tren de alta velocidade. Ao parecer, segundo as novas ideas de Ana Pastor, non se deixaría entrar a terceiros operadores  directamente nas liñas de alta velocidade, senón que en forma de paquete esixiríaselle facerse cargo da explotación doutros servizos menos rendibles. 

Para os servizos de proximidade e rexionais, amparados polo concepto de servizo público, e por tanto susceptibles de recibir subvencións estatais, optarase pola vía da concesión mediante a fórmula de franquías que xa funciona no Reino Unido e en Alemaña. Cada franquía articúlase nun corredor, un grupo de liñas ou un núcleo de proximidade. A súa xestión será adxudicada a unha empresa privada. A adxudicataria explotará os trens que operasen con anterioridade na liña co seu persoal e os seus viaxeiros, de maneira que mediante un sistema de licitación se fixarán uns parámetros mínimos de explotación por un período limitado en anos de adxudicación. As empresas candidatas deberán realizar as súas ofertas de servizo fixando compromisos de calidade, frecuencia, puntualidade, prezos, etcétera.

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.