DO rexeita ampliar a transparencia sobre o patrimonio dos edís porque afasta os empresarios da política

Xuntanza no Concello de Ourense. Martiño Xosé Vázquez, primeiro pola esquerda. Gonzalo Pérez Jácome, pola dereita © Ourense en Común

Os edís do Concello de Ourense só estarán obrigados a facer pública na web municipal a súa declaración de bens durante 15 días ao ano. Este martes a Xunta de Portavoces rexeitou unha proposta do Partido Popular para ampliar o acceso público a estas declaracións, de xeito que puidesen ser consultadas os 365 días. PP e Ourense en Común votaron a favor, pero Democracia Ourensana e PSdeG-PSOE votaron en contra, botando abaixo a iniciativa. Os concelleiros que o desexen, con todo, si poderán facer público o seu patrimonio durante todo o ano, como sucede noutros concellos e administracións. O voceiro de DO, Gonzalo Pérez Jácome, foi particularmente vehemente no seu rexeitamento.

Pérez Jácome entrou en confrontación directa co representante de Ourense en Común, que afirmara que "nós non temos nada que ocultar". "Claro, non tedes nada que ocultar porque non tedes nada", respondeulle o líder de DO

A Lei de Transparencia de 2013 recolle do seu artigo oitavo a obriga de facer públicas "as declaracións anuais de bens e actividades dos representantes locais" e engade que "cando o regulamento non fixe os termos en que deben facerse públicas estas declaracións aplicarase o disposto na normativa de conflitos de intereses no ámbito da Administración Xeral do Estado", unha norma derrogada pola recente Lei reguladora do exercicio do alto cargo. O obxectivo do debate proposto no Concello de Ourense era precisamente fixar as condición nas que estas declaracións de ben se facían accesibles para todos os habitantes da cidade, convidando a todos os grupos a publicar esta información de forma permanente, sen necesidade de modificar o regulamento. Porén, a falta de acordo limitará ese período de exposición pública -tamén a través da rede- a 15 días. 

Gonzálo Pérez Jácome deixou moi clara a súa posición: "É o mesmo publicala 15 días que 365, pero abonda con que a nós nos digan que isto é o politicamente correcto para facer o contrario, Non entramos nese xogo de quedar ben, porque iso é o que fan os políticos acojonados e covardes".

Pérez Jácome entrou en confrontación directa co representante de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, que afirmara que "nós non temos nada que ocultar". "Claro, non tedes nada que ocultar porque non tedes nada", respondeulle o líder de DO. Pérez Jácome asegurou ademais que quen ten que ter esta información é Facenda e o secretario do Concello, obviando o dereito da cidadanía a acceder a estes datos.

"Moitos empresarios aos que non lles apetece que se saiba o que teñen poden optar por non vir. Isto desincentiva a xente á que quizais lle gustaría vir á política. Entón ao final quen vai? Van os funcionarios, que nutren o 80% da política"

Para o portavoz de Democracia Ourensana, a obriga de ter colgadas na web durante todo o ano estas declaracións de bens poden afastar da política aos empresarios. "Moitos empresarios aos que non lles apetece que se saiba o que teñen poden optar por non vir. Isto desincentiva a xente á que quizais lle gustaría vir á política. Entón ao final quen vai? Van os funcionarios, que nutren o 80% da política". "Isto non ten que ver con roubar, que iso xa o controla Facenda, ten que ver con quedar ben, con Gobernar para a galería, que é o que fai esta xente", concluíu.

Xuntanza no Concello de Ourense. Martiño Xosé Vázquez, primeiro pola esquerda. Gonzalo Pérez Jácome, pola dereita © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.