Hai tres meses, a mediados do pasado mes de xullo, a Comisión de Toponimia da Xunta aprobou a proposta de actualización do Nomenclátor feita pola Real Academia Galega (RAG) dando para diante así ao cambio da denominación oficial do nome de doce concellos.
A proposta da RAG para o cambio do nome de doce concellos e duns 2.600 lugares e parroquias foi aprobada pola Xunta en xullo pero aínda debe ser levada ao Consello para consumarse
Á espera de que o Consello da Xunta dea o visto e prace, A Cañiza pasará a ser A Caniza, Cangas será Cangas de Morrazo, Castro Caldelas denominarase O Castro de Caldelas, Oza-Cesuras, Mondariz-Balneario e Cerdedo-Cotobade perderán o guión e Porto do Son incorporará o artigo —O Porto do Son—, ao igual que O Riós, O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín.
Serán as modificacións máis senlleiras e controvertidas do documento presentado polo Seminario de Onomástica da RAG, que supón modificar a denominación tamén de máis de 180 parroquias e de preto de 2.400 lugares. Pero aínda non foron levadas ao Consello da Xunta para que viren en definitivas.
Preguntada a Consellería de Presidencia, aclara que a proposta será validada "unha vez conclúa o proceso informativo" que se está a levar a cabo para explicar o cambio de denominación aos concellos afectados, que hai tempo recibiron xa documentación "precisa sobre as motivacións dos cambios, baseados na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica e no uso oral e escrito da veciñanza". Debería ser axiña.
O Concello da Cañiza foi o único dos doce afectados polo cambio que solicitou unha explicación 'in situ' á veciñanza, que tivo lugar este pasado sábado
Porque máis aló dalgunha consulta particular de alcaldes ou alcaldesas, xa resolta, foi o Concello da Cañiza o único dos doce afectados que aceptou a oferta, como explica a Xunta, que desde a Comisión de Toponimia se fixo para explicar o cambio in situ no propio municipio.
O pasado sábado, tres académicos especialistas en toponimia da RAG detallaron á veciñanza as razóns da modificación do nome oficial da localidade, na vila onde máis polémica ergueu a proposta da RAG. Partidarios e detractores da mudanza puideron comprobar como A Caniza, forma xenuinamente galega, "documéntase desde a Idade Media, aparece tamén na obra de frei Martín Sarmiento e mantense viva na fala de veciños e veciñas de máis idade".
O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina; a secretaria da RAG, Ana Boullón, e o tamén académico de número Gonzalo Navaza compareceron ante os veciños e veciñas da Caniza xunto ao secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o alcalde, Luís Piña, quen presentou e moderou a sesión.
Traballo laborioso
O acto permitiu comprobar a cidadanía o arduo e laborioso proceso de investigación que supón a restitución dun topónimo, neste caso "para restaurar a forma propiamente galega A Caniza, topónimo tomado dunha palabra do léxico común, caniza, que fai referencia nas súas distintas acepcións a estruturas ou obxectos realizados mediante varas ou canas tecidas".
Fontes expertas e coñecedoras do proceso explican que cada un dos informes feitos para cambiar o nome, quer dunha aldea ou parroquia, quer dun concello, supón unha xornada de traballo se non hai complicacións. O proceso supón a consulta de fontes escritas e fontes orais. No primeiro dos casos, revisando documentación histórica dende a Idade Media ata a actualidade, o que inclúe facer buscas en bases de datos e revisar todo tipo de documentos, dixitalizados ou non.

Entre as fontes revisadas sempre aparecen, por exemplo, o Catastro da Ensenada ou o arquivo da Catedral de Santiago, numerosa cartografía histórica, catastros antigos e modernos, ademais daquelas que facilitan diferentes ferramentas web que recollen obras e coleccións documentais medievais, entre outras. Alén disto, o Seminario de Onomástica da RAG contacta con informantes locais que dan conta das denominacións tradicionais.
A restitución dun topónimo supón un laborioso traballo de revisión de documentos históricos e de posterior contacto con fontes orais
No caso da Caniza, a palabra é derivada de cana (< latín canna) a partir do étimo cannicea. Segundo destacou Gonzalo Navaza o sábado na localidade, na obra Fitotoponimia galega, as voces canizo e caniza aluden na toponimia ao uso de canas ou varas para pechar leiras ou defender do vento as hortas ou plantacións, aínda que "non se pode descartar a posibilidade dun uso como sinónimo de cabaceiro ou hórreo".
Canto ás súas orixes, o topónimo está atestado desde antigo: na Idade Media a localidade da Caniza estaba incluída no couto das Achas, pertencente ao mosteiro da Franqueira. "Na documentación deste cenobio e mais no de Melón atópanse rexistros d’A Caniza (“outra nosa leyra e seve da Caniza”, ano 1297) que talvez non se refiren a esta localidade, pero que en calquera caso testemuñan a existencia do nome na toponimia da zona. Non ofrece dúbidas, en cambio, un testemuño do ano 1589 en que se cita a “villa de la Caniça, que es en el balle de las achas & reino de Galicia”, explicase.
A RAG explicou á veciñanza que a forma 'A Caniza' "documéntase desde a Idade Media, aparece na obra de frei Martín Sarmiento e mantense viva na fala da xente de máis idade"
Ademais, os expertos explicaron que nas referencias en textos escritos en castelán, o topónimo aparece frecuentemente castelanizado como La Cañiza, e con esta forma adoita rexistrarse na documentación posterior á creación da parroquia. Con todo, en diversas fontes coma o Catastro de Ensenada (1753) e o seu expediente de comprobacións (1764), á beira da forma deturpada tamén se rexistra en ocasións a forma lexítima. Tamén anotou a forma propia sen castelanizar o padre Martín Sarmiento na súa Viaje a Galicia de 1755: “Y la altissima cordillera de Franqueira, Caniza, y Paradante o Pedra de Anta que es el remate azia Mourentan”.

Tal e como explicou a RAG, desde o nacemento do concello, nas primeiras décadas do século XIX, empregouse na súa denominación oficial a forma deturpada La Cañiza ou simplemente Cañiza. "O nome oficializado xa no século XIX contribuíu a fixar o topónimo castelanizado entre a poboación", explica a Academia, que aclara, que, porén, o Seminario de Onomástica "puido comprobar que a memoria do orixinario A Caniza sobreviviu ata actualidade entre os falantes da zona, especialmente nos de maior idade".
A raíz de todas estas evidencias, comprobacións e datos apañados, e tendo en conta que a lei establece que a forma oficial dos topónimos de Galicia é unicamente a galega e que a da Cañiza é allea á lingua galega, a RAG propuxo "oficializar o topónimo A Caniza para o nome da vila, da parroquia e do concello".