A nova alcaldesa popular contratará por 11.000 euros un servizo de asesoramento xurídico para "favorecer a regularización administrativa das persoas que carecen de autorización de residencia", proxecto lanzado polo anterior goberno liderado polo BNG
O 27 de xaneiro o Goberno de España anunciou unha regularización extraordinaria de migrantes que xa viven aquí en situación administrativa irregular. O 31 de xaneiro o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, criticou a "regularización masiva" como "solidariedade sen control" e prognosticou que "creará problemas de convivencia".
Este 11 de febreiro o goberno local de Ribeira, encabezado polo PP, sacou a concurso un servizo de asesoramento xurídico para "favorecer a regularización administrativa das persoas que carecen de autorización de residencia". Serán 11.000 euros nun ano para mellorar a atención a migrantes que xa viña prestando os servizos sociais municipais con anteriores gobernos.
O "servizo profesional especializado de asesoramento xurídico en materia de estranxeiría e asilo" que agora contratará o novo goberno local do PP é un proxecto planificado polo anterior executivo liderado polo BNG como mellora da atención a migrantes que xa se viña prestando desde os servizos municipais de traballo social. Naquel goberno de BNG, PSdeG e Partido Barbanza Independiente (PBBI) era esta última formación a que tiña a Concellería de Servizos Sociais e foi ese partido o que o 13 de outubro facilitou a moción de censura que levou á Alcaldía á popular María Sampedro.
A nova alcaldesa recolleu o traballo feito e agora vén de sacar a concurso o contrato que entre outros obxectivos ten os de "incrementar o grao de éxito dos procedementos administrativos en estranxeiría e asilo" ou "favorecer o acceso ás distintas modalidades de autorizacións de residencia a aquelas persoas que carecen das mesmas, de tal maneira que poidan regularizar a súa situación e traballar". Un contrato que dará "prioridade total para aquelas en situación de risco e exclusión social" e que inclúe "redacción e elaboración de recursos administrativos por denegacións de autorizacións de residencia" ou información e asesoramento en "procedementos de expulsión".
Feijóo di que a "regularización masiva" anunciada polo Goberno de Sánchez "creará problemas de convivencia" e Rueda pide ver se a "flexibilidade se converte en laxitude para acreditar falta de antecedentes penais"
O expediente administrativo para esta contratación foi aprobado pola alcaldesa popular o 4 de febreiro, catro días despois das declaracións de Feijóo contra a regularización de migrantes. O expediente reflicte como o financiamento deste contrato de asesoramento xurídico foi obtido polo anterior goberno local a través dunha orde de axudas da Xunta, cuxo presidente e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, alentou a acusación de que os migrantes regularizados, malia non teren dereito a voto, poderían alterar as eleccións. Rueda tamén pediu ver se a "flexibilidade se converte en laxitude para acreditar falta de antecedentes penais".