Documento: Este é o contrato co que a Xunta pagou o vídeo de Enrique Iglesias

Escena do vídeo de Enrique Iglesias © Universal Music Spain

Cinco meses e unha fenomenal polémica despois, o contrato é público. O pasado luns, dous días antes de ter que responder a unha pregunta parlamentaria do BNG ao respecto, o Goberno galego publicou na plataforma de contratación da Xunta o contrato privado a través do cal a Axencia Turismo de Galicia lle entregou 302.500 euros á produtora Universal Music Spain para a gravación en Galicia do videoclip Noche y de día, do cantante Enrique Iglesias.

Despois de incumprir o acordo parlamentario do pasado abril segundo o cal a Xunta facilitaría á Cámara unha copia do documento no prazo de sete días a parlamentaria do Bloque Carme Adán cuestionou a Xunta ao respecto. A resposta gobernamental chegou por boca do vicepresidente, Alfonso Rueda, que deu en asegurar que a montaxe xa foi vista por "vinte e tres millóns de persoas" a través de YouTube, identificando deste xeito cada reprodución do vídeo -uns 27 millóns, segundo a plataforma de vídeos- cunha persoa diferente.

Alén dos argumentos do número dous de Feijóo, que deu en reprocharlle ao Bloque "os gastos da Feira do Libro da Habana" no ano 2008 para contrarrestar as críticas pola polémica achega, que di o contrato? Xunto ás condicións máis ou menos burocráticas inclúese un anexo no que a produtora describe o contido do vídeo de Iglesias, "un artista español de fama e recoñecemento mundial" cuxos "seguidores en redes sociais se contan por millóns".

A produtora argumentou que o mosteiro de Carboeiro "amosa o misterio e beleza da paraxe e, ao mesmo tempo, o glamour e sensualidade do ambiente dos vídeos de Enrique Iglesias"

"A trama do vídeo -informa a produtora á Xunta- avanza da man dunhas turistas que chegan a Galicia e tentan atopar unha festa secreta na que estarán Enrique Iglesias, Juan Magán e Yandel". A festa, indica, "celébrase nun antigo mosteiro abandonado nos arrabaldos de Santiago de Compostela [o mosteiro é de Carboeiro, en Silleda], que amosa o misterio e beleza da paraxe ao mesmo tempo que o glamour, sensualidade e ambiente dos vídeos de Enrique Iglesias". "No percorrido das turistas", sinala, recóllense "imaxes de gran beleza, perfectamente identificables, da comunidade autónoma de Galicia". Finalmente, o vídeo amosa imaxes galegas en apenas 45 segundos dos seus máis de 4 minutos de duración.

Escena do vídeo de Enrique Iglesias © Universal Music Spain

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.