Dous deputados da pasada lexislatura non pagaron nada de IRPF en 2012

Vista xeral dun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Falar dos "soldos dos políticos" é case un lugar común nos últimos anos, case tanto como o "descrédito" das persoas que se dedican á actividade política ou a "desafección" cara a elas. Alén de tópicos que teñen máis ben pouco que ver coa realidade, caso por exemplo dos soldos vitalicios, no caso galego un dos aspectos máis cuestionados das remuneracións dos e das representantes públicos está no Parlamento, dado que a composición do soldo dos deputados e deputadas permite que en torno á metade estea libre de impostos -máis de 2.000 euros recíbenos en concepto de "axudas de custo", dietas que non tributan-. Quizais este factor é o que provocou que dous deputados que xa o eran na pasada lexislatura non tivesen que pagar nada a Facenda en 2012.

Isto é, cando menos, o que fica reflectido nas declaracións patrimoniais dos membros do lexislativo galego, que foron penduradas na web da institución no serán deste luns. Á espera de que sexan incorporadas as declaracións de todos os deputados de AGE agás Yolanda Díaz -fontes do grupo parlamentario explican que non o fixeron aínda por un erro nas datas, xa que coidaban que o prazo remataba "a final de mes"- xa é posible coñecer que o deputado do PP Alejandro Gómez e a socialista Marisol Soneira declararon que no ano 2012 non tiveron que afrontar ningún pagamento por IRPF. Tampouco tivo que pagar a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, quen en 2012 -cando aínda non era deputada- tivo unha devolución de 1.422,27 euros, segundo consta na documentación que entregou na Cámara.

Os membros de AGE que non incorporaron as súas declaracións farano este mércores, segundo sinalan dende o seu grupo parlamentario

Na banda alta das achegas á Facenda pública atópanse os populares Miguel Prado (31.612) e Aurelio Núñez (33.314), que se incorporaron por primeira vez ao Parlamento tras as eleccións de 2012. Tamén se atopan por riba dos 20.000 euros de pagamento de IRPF deputados como a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, a nacionalista Montse Prado -non foi deputada na pasada lexislatura-., o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández ou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Neste grupo dos que máis tributan está tamén o ex conselleiro de Industria, Javier Guerra, que tivo que achegarlle ao fisco 22.262 euros no pasado exercicio e que actualmente declara máis dun millón de euros en depósitos bancarios e máis de 13 millóns en participacións empresariais, así como catro vehículos de alta gama (un Aston Martin, dous BMW e un Mercedes). 

No que atinxe aos xefes de filas dos grupos, ademais do patrimonio do presidente da Xunta -xa publicado con anterioridade na web do Goberno galego- é posible coñecer que o líder socialista, Pachi Vázquez, ten máis de 40.000 euros no banco e varias propiedades inmobiliarias no Carballiño. No BNG Francisco Jorquera declara un piso, unha praza de garaxe e parte dunha casa herdada. En AGE Xosé Manuel Beiras aínda non incorporou a súa declaración pero farao na xornada deste mércores igual que os restantes membros de Alternativa que aínda non o fixeron, segundo sinalan dende o grupo. 

Vista xeral dun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.