Dous plans do BNG sobre participación cidadá, primeiras iniciativas da nova lexislatura

Deputados e deputadas do BNG, durante o pleno de investidura CC-BY-NC-SA BNG

Despois da voráxine electoral e da constitución do novo Parlamento os grupos que forman o lexislativo galego comezan nestes días a desenvolver a súa actividade ordinaria. Mentres o lexislativo galego se atopa inmerso nos trámites da segunda investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta -culmina este xoves- as catro formacións parlamentarias proxectan as súas primeiras iniciativas e, desta volta, o primeiro en concretalas foi o grupo con menos representantes, o BNG. Isto é o que reflicten os datos do rexistro parlamentario, inaugurado polo Bloque con catro proposicións de lei e varias iniciativas de control das que terá que responder o novo Goberno, cuxa composición será pública, con toda probabilidade, o vindeiro domingo.

Nomeadamente, unha vez superada a investidura a Cámara galega terá que comezar a traballar abordando dous proxectos que os nacionalistas prometeran na campaña, centrados no ámbito da participación cidadá. Trátase da proposición coa que tentarán modificar a actual regulación das iniciativas lexislativas populares e da lei de consultas populares á que o voceiro do grupo, Francisco Jorquera, lle concedera especial importancia durante a carreira electoral. No caso das ILP, a intención do Bloque é que poidan ser formuladas dende os 16 anos de idade, que abonden 10.000 sinaturas -na actualidade son 15.000- para avalalas e que sexan tratadas en pleno "nun prazo non superior a un mes" dende que cumpran todos os trámites. Coa lei de consultas tentan que a cidadanía poida opinar a través de referendo "sobre cuestións de especial transcendencia" e facelo "coas garantías propias dun procedemento electoral".

O Bloque propón que se poidan presentar ILP dende os 16 anos e tentarán sacar adiante unha lei de consultas populares

Ademais destas proposicións de lei, os nacionalistas formulan outras dúas, neste caso para presentar ante o Congreso dos Deputados e que tamén foron rexistradas cos números 1 e 2, por seren tamén as primeiras iniciativas deste tipo no novo mandato. Neste caso, o seu obxectivo será que o Parlamento de Galicia se dirixa á Cámara Baixa para reclamar unha reforma da lei hipotecaria que protexa as persoas afectadas por desafiuzamentos e para impulsar unha "racionalización do réxime das deputacións provinciais", coa súa desaparición no horizonte.

No que atinxe ás iniciativas de control do Goberno, o BNG tamén andou lixeiro para inaugurar o rexistro neste ámbito. Fíxoo con dúas interpelacións, sobre o sector lácteo e as taxas xudiciais. Tamén incluíu tres preguntas para ser respondidas en pleno, relacionadas cos problemas de abastecemento de vacinas da gripe, sobre a situación dos comedores escolares nun colexio de Oleiros e sobre "as actuacións previstas" pola Xunta para que a cidadanía poida acceder á Xustiza "con independencia do seu nivel de renda". Este primeiro paquete de iniciativas complétana os nacionalistas con catro preguntas para ser respondidas en comisión e outras tantas que agardarán resposta escrita. 

Primeiras iniciativas de AGE

AGE comeza con iniciativas sobre desafiuzamentos e a mina de Corcoesto

Tras estas iniciativas comezan a chegar ao rexistro do Pazo do Hórreo as do resto de grupos. Este martes achegábaas o grupo de AGE que, a través de Yolanda Díaz e Xabier Ron, rexistru unha proposición non de lei e unha solicitude de información. A primeira PNL do grupo liderado por Xosé Manuel Beiras tenta "evitar que continúe a vaga de desafiuzamentos e a súas dramáticas e mortais consecuencias" e, para isto, procuran que a Xunta aplique medidas como "suspender por un período de cinco anos" todos os desafiuzamentos previstos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou constituír unha Comisión Galega contra os Desafiuzamentos "para mediar nos casos en que o procedemento ameaza coa perda da vivenda". Ademais, tentarán que os activos inmobiliarios de Novagalicia Banco estean durante cinco anos á disposición do Goberno galego para que estean á disposición de quen perdese a súa casa.

No caso da petición de información, AGE diríxese á Consellería de Industria para que "facilite toda a documentación relacionada" co proxecto de instalación dunha mina en Corcoesto, na que, reclaman, debe incluírse "copia de todas as alegacións formuladas até o momento" respecto do solo no que se vai desenvolver o proxecto e "todos os informes de todas as consellerías implicadas". Esta reclamación chega despois dunha xuntanza entre AGE e representantes da Plataforma pola Defensa de Corcoesto, tras a cal AGE "comprometeuse a facer un labor parlamentar de control e oposición deste tema e, en xeral dos proxectos similares", por responderen a un "modelo estilo Benvido, mister Marshall", no cal unha empresa "explota uns poucos anos os recursos naturais galegos a cambio de man de obra barata" e cunhas "leis ambientais máis permisivas ca no resto de Europa".

Deputados e deputadas do BNG, durante o pleno de investidura CC-BY-NC-SA BNG
Díaz e Ron rexistran as primeiras iniciativas de AGE CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.