Durão Barroso insta a converter a UE nunha "federación de estados-nación"

Barroso diríxese á Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo

Unha "federación de estados-nación". É o modelo que, a xuízo do presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, debe adoptar a Unión Europea no futuro máis inmediato. O xefe do Executivo comunitario aproveitou este mércores o seu discurso ante a Eurocámara no marco do debate sobre o estado da Unión para lanzar a proposta dunha reforma dos tratados que a rexen. Mentres en Catalunya, no conxunto do Estado español e en boa parte do continente aínda ecoaba con forza a manifestación a prol da independencia que percorreu o pasado martes as rúas de Barcelona Barroso situaba a "unión política" como a forma de "evolucionar" para a UE no futuro, coas eleccións comunitarias de 2014 como horizonte clave.

Non se trata, segundo explicou Durão Barroso ante o Parlamento, de crear "un superestado", senón unha "federación democrática de nacións que poida" abordar "os nosos problemas comúns" mediante a "soberanía compartida", de xeito que "cada país e cada cidadán estean mellor equipados para controlar o seu propio destino". Esta iniciativa desenvolveríase na UE "cos Estados membros, non contra os Estados membros" xa que "na era da globalización a soberanía compartida significa máis poder, non menos", garante.

Barroso cre que non se debe deixar a defensa das nacións "nas mans dos nacionalistas e dos populistas"

E, por que agora? Porque "os tempos da integración europea por consentemento implícito da cidadanía remataron" e porque "neste tempo turbulento de ansiedade non debéramos deixar a defensa da nación só aos nacionalistas e aos populistas". "Non lle teñamos medo ás palabras: necesitamos evolucionar cara a unha federación de estados-nación, é o que precisamos, é o noso horizonte político", enfatiza. "Non digo isto á lixeira", di Durão Barroso, para quen este proceso debe ser "ben preparado" e partir da base de que Europa "non pode ser tecnocrática, burocrática ou mesmo diplomática", senón que ten que ser "máis ca nunca, democrática". Por iso nesta transformación "A Eurocámara é esencial" e "é por iso que as eleccións de 2014 poden ser tan decisivas". Antes deses comicios, di, a Comisión "presentará un bosquexo para a forma da futura Unión Europea".

A proposta do presidente da Comisión tivo diversas acollidas entre os voceiros dos grupos parlamentarios. Así, dende o grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, situou o Parlamento como "representante dos pobos europeos con lexitimidade democrática", onde os deputados e deputadas defenden "dereitos que non defenden moitas veces os Estados membros, como se viu onte nas rúas de Barcelona". "Son deputada da Galiza e o Estado da miña nación, como moitos outros territorios, está nunha crise profunda" que, di, é "consecuencia das políticas de austeridade e das medidas antisociais". Exemplo disto, explicou Miranda ante Barroso, son "o naval, o agro, a pesca ou o roubo das preferentes. "Para que os pobos europeos continuen crendo na UE ten que estar do lado dos pobos e non fronte a eles", emprazou.

Dende o Grupo Socialista Hannes Swoboda chamou a centrar a atención en buscar "alternativas aos recortes". Os pactos, di, deben vir pola área "social". "O que a xente quere hoxe é solidariedade, temos que darlles isto antes de explorar o futuro", engadiu dende Esquerda Unitaria a alemá Gabriele Zimmer, para quen "é inaceptable que esteamos promovendo unha cultura do castigo". Pola súa banda, o liberal Guy Verhofstadt non ve necesaria unha nova federación porque "xa existe, é o Consello Europeo -órgano que xunta aos Estados membros e cuxo presidente non é elixido directamente pola cidadanía-".

Catalunya, Estado membro da UE?

A Comisión rectifica e evitar clarificar se unha Catalunya independente ficaría fóra da Unión

Mentres o presidente da Comisión tentaba bosquexar o futuro da UE na Cámara o seu voceiro, Olivier Bailly, procuraba emendar ante os xornalistas as súas primeiras valoracións a respecto da situación na que quedaría Catalunya no caso de que chegase a ser un Estado independente. Despois de que o propio martes Bailly se amosase convencido de que unha Catalunha independente quedaría automaticamente fóra da UE e tería que negociar o seu ingreso desde cero -o que requeriría a unanimidade dos demais estados-, vinte e catro horas máis tarde o alto cargo "lamentou" que "se malinterpretasen as miñas verbas".

"No escenario hipotético de que unha parte dun Estado membro queira abandonalo, e non menciono a ningunha rexión de Europa, en primeiro lugar é un asunto interno dentro dese estado membro definir eses acordos", evidencia. Por este motivo, di, "a Comisión non pode especular sobre ningunha consecuencia potencial segundo a lexislación da UE". "Non compete especular sobre que eleccións se farían porque non nos concerne", abonda Bailly, deixando así a porta nin pechada nin aberta para Catalunya.

Barroso diríxese á Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.