Emoción e un chisco de 'amnesia' para as Medallas Castelao

Feijóo imponlle a medalla a Arsenio Iglesias © Ana Varela / Xoán Crespo

A mediados dos 80 Arsenio Iglesias comandaba un combativo Deportivo da Coruña que loitaba por sobrevivir na Segunda división. Aínda lonxe das glorias que lle chegarían na Primeira aquel Dépor contaba nas súas filas co xogador peruano Wiliam Huapaya, un futbolista de breve traxectoria no conxunto coruñés pero que deixou fonda pegada na afección polo seu xogo, pero tamén por pasar a formar parte da filosofía vital do adestrador. Non son poucas as ocasións nas que Arsenio ten sacado a colación a súa relación profesional con Huapaya e este xoves volveuno facer cando, moi emocionado, agradeceu a imposición da Medalla Castelao que lle viña de entregar o presidente da Xunta.

Freando as bágoas e o nó na gorxa o de Arteixo explicou que "dende o momento eu que me comunicaron que era un dos premiados e que tiña que falar nun auditorio tan distinguido", o Panteón de Galegos Ilustres, "lembreime dun dos contos de Castelao, O barbeiro de sábado". O escritor e político de Rianxo, lembra, describía a aquel barbeiro como un home "que amaba os libros que non entendía e gustaba de lelos todos enteiros". "Coa testa pousada nas mans -parafraseou- ao xeito dun pensador dicía 'estou profundando, e non podo profundar máis porque non sei latín". El tamén se propuxo "profundar" para agradecer o galardón, "pero tampouco sei latín". "Con este pensamento", que o "perturbaba un pouco", lembrouse "dun xogador que estivo comigo no Deportivo", e ese non era outro que Huapaya. "Cando o vía un pouco axitado" preguntáballe como se atopaba e el contestaba: "muy exigido", lembrou. "Eu tamén me atopo moi exigido", confesou, ante os aplausos dos asistentes.

Arsenio, de quen se obviou que foi seleccionador galego, lembrou as verbas do futbolista Huapaya

Coa Medalla Castelao a Arsenio Iglesias recoñecéuselle toda a súa traxectoria deportiva, "como futbolista e adestrador", dende as "doce temporadas na Primeira División", como futbolista, ata a etapa na que adestrou o Dépor. Nese repaso pola súa traxectoria vital realizada pola Xunta houbo un esquecemento: nin unha palabra sobre o seu papel como adestrador da Selección Galega de fútbol entre 2005 e 2009. Tampouco houbo mención ningunha ao combinado galego na homenaxe a outro dos premiados, o ex céltico Míchel Salgado, para quen "recibir esta distinción a tan curta idade supón unha responsabilidade aínda maior" xa que, na súa opinión, "supón seguir traballando e deixando o nome de Galicia e de Castelao no máis alto". De Salgado si se destacou o seu paso polo Celta, polo Real Madrid e pola selección española.

Tamén houbo outro lixeiro esquecemento na enumeración de datos vitais da ex conselleira Manuela López Besteiro, de quen a Xunta pasou por riba que en 2003 optou á alcaldía de Lugo polo PP. Foi precisamente a intervención de Besteiro a máis política das pronunciadas en Bonaval, mesmo máis que a do propio presidente da Xunta. "Abrumada pola honra que representa" recibir unha Medalla Castelao Besteiro dedicoulle o recoñecemento a "todos os compañeiros dos sucesivos gobernos" e, "por riba de todos, ao presidente Fraga", "artífice destacado", na súa opinión, "do que hoxe é Galicia". A xuízo da conservadora a Fraga "cádralle de xeito especial o título de bo e xeneroso do noso himno".

Feijóo: "Galicia é un país porque existe entre os seus habitantes a conciencia de formar unha unidade plural"

Por terreos menos esvaradíos transitaron nas súas intervencións o maxistrado Román García, que gabou o "compromiso co galeguismo e co mundo" de Castelao e recitou un breve poema dedicado á súa vila natal, Sarria, e o pediatra Federico Martinón, quen se sente "moi pequeno ao repasar a lista de galardoados" coa medalla que agora el tamén ostenta. "O meu único mérito é contribuír á recuperación da saúde dos nenos de Galicia", sinalou o ourensán.

O peche do acto, como é tradición, correspondeulle ao presidente. Nunha intervención de menor contido que noutras ocasións semellantes Alberto Núñez Feijóo remitiuse aos inicios da autonomía, ao momento do regreso dos restos de Castelao, para definir Galicia como "un país libre" no que os galegos "estamos xuntos non por un azar xeográfico" nin "por unha obriga imposta dende fóra", senón "porque así o decidimos democraticamente". A xuízo do xefe do Goberno "ser un país non consiste en buscar inimigos fóra, senón en atopar amigos dentro" e Galicia "é un país porque existe entre os seus habitantes a conciencia de formar unha unidade plural". "Se esa conciencia desaparecese, de pouco valerían os símbolos e as retóricas" porque Galicia "estaría esmorecendo", asegura.

 

Foto de familia cos galardoados, en Bonaval © Ana Varela / Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.