En campaña: Manual de instrucións para o 20-D en Galicia

Pleno no Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

Dende as cero horas deste 4 de decembro estamos en campaña electoral. Serán dúas semanas que desembocarán nas transcendentais eleccións do 20-D, as terceiras do ciclo electoral iniciado coas europeas de 2014 e que culminará coas galegas do vindeiro 2016. Atendendo ás enquisas, as vindeiras Cortes Xerais estarán marcadas pola pluralidade e pola ausencia de maiorías estables e amplas, polo que a formación á que lle toque abordar a formación de goberno estará abocada á procura de pactos con outros grupos parlamentarios.

No caso galego o que está en xogo son 23 escanos no Congreso; as persoas que senten neles si participarán na elección da presidencia do Goberno de España

Ao contrario do que poida semellar en faladoiros, debates e mesmo na propia propaganda electoral dos partidos, estas non son unhas eleccións presidenciais. Ningunha persoa censada en Galicia votará, aínda que queira, por Mariano Rajoy, Pedro Sánchez, Pablo Iglesias ou Albert Rivera. No caso galego o que está en xogo son 23 escanos no Congreso dos Deputados e 16 no Senado. As persoas que senten na Cámara Baixa serán as que participarán, elas si, na elección do futuro presidente ou presidenta do Goberno de España.

O electorado galego ten diante de si entre dez e doce candidaturas, segundo a circunscrición, ás que pode outorgarlle o seu voto. No camiño ao 20-D todas elas lanzarán múltiplas mensaxes ante as que, se cadra, non vén mal un manual de instrucións electoral. Velaquí vai un con seis apartados sobre os que poderás saber máis premendo en cadansúas frechas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.