En Común reclama forza en Vigo para gobernar sen "depender dos poderes económicos”

O líder de Esquerda Unida, Alberto Garzón, participou no acto de En Común Unidas Podemos en Vigo © En Común

En Común celebrou en Vigo o seu acto central deste sábado. Foi ao mediodía, no Teatro García Barbón, onde Alberto Garzón acompañou os candidatos e candidatas galegas. O encontro fixo fincapé na axenda social e reclamou forza para que un futuro Executivo goberne "ao servizo das maiorías sociais", coas "mans libres" e sen "depender dos poderes económicos”.

“Só nós podemos facer que o Goberno mire polos intereses da xente”, dixo Yolanda Díaz

Yolanda Díaz, candidata ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, criticou ao PSOE por non levar a cabo medidas como derrogar a reforma laboral, intervir o prezo da luz ante os abusos das eléctricas ou reclamarlle á banca que devolva os 60 mil millóns de euros do rescate porque “ten débedas cos poderosos”. Fronte a isto, reclamou o voto para En Común Unidas Podemos porque “só nós podemos facer que o Goberno mire polos intereses da xente”. 

Díaz sinalou que na última lexislatura “conseguimos a subida do salario mínimo porque tiñamos 69 deputadas e deputados. Precisamos forza para defender á xente do noso país e para conseguir que se siga subindo o SMI". "O PSOE presume dos permisos de paternidade e maternidade igualitarios ou do subsidio a maiores de 52 anos, pero esas medidas saíron adiante grazas a nós”, engadiu.

O mitin de En Común celebrouse no Teatro García Barbón © En Común

"Gustaríame que a xente nova deste país tivese un salario mínimo máis alto para poder formar unha familia e pagar alugueiros. Iso si é ser provida, reclamar unha vida digna”

Pola súa banda, Alberto Garzón, fixo fincapé na súa intervención en loitar contra a “normalización da precariedade laboral". "Hai dez anos ser mileurista era un drama, pero hoxe dinnos que é un privilexio. Que proxecto de vida podes armar con ese salario e se non sabes se terás traballo a semana que vén?”, dixo. Garzón concluíu que “esta candidatura é a única que pode resolver os problemas desde a raíz".

De igual xeito, o candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez Reino, advertiu de que “o PSOE cando está forte goberna con políticas de dereitas. Por iso é tan importante un goberno no que esteamos, para recordarlle cal é o camiño. Temos a oportunidade de elixir unha alternativa para as maioría sociais”. Para Gómez-Reino é imprescindible formar “un Goberno valente que se comprometa coa memoria histórica, que pode quitar a Cruz do Castro, ou que protexa os nosos sectores produtivos. Sabemos que o PSOE non o vai facer, e esta cidade merece algo mellor”. E concluíu asegurando que “temos a posibilidade de poñer a Galicia no centro do Goberno, o 28A saímos a gañar”.

“O PSOE cando está forte goberna con políticas de dereitas", advertiu Gómez Reino

Finalmente, Ángela Rodríguez,  número 2 da lista pola provincia de Pontevedra, centrou a súa intervención na importancia de que "o feminismo esté presente de xeito transversal nas políticas do próximo Executivo". “Somos feministas e somos pro-vida. Gustaríame que a xente nova deste país tivese un salario mínimo máis alto para poder formar unha familia e pagar alugueiros. Iso si é ser provida, reclamar unha vida digna”.

Remate do acto deste sábado de En Común en Vigo © En Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.