En Marea apela á mobilización para evitar “o lamento do día despois” das eleccións

Villares, cos alcaldes e mais os candidatos Antón Sánchez e Luca Chao, este sábado na Coruña Dominio Público Praza Pública

A campaña electoral de En Marea tiña sinalada esta fin de semana en vermello. Tras uns primeiros días de subas e baixadas -de afluencia nos actos electorais, de ton do seu candidato á Presidencia-, a formación que encabeza Luís Villares fixou para este sábado os seus primeiros grandes mitins urbanos nas cidades que, a priori, se presentan como transcendentais para aspiraren a un bo resultado o 25S, A Coruña e Vigo. Nas prazas coruñesa e viguesa Villares preséntase ao electorado co que a formación esgrime como principal aval, os alcaldes das mareas. Con Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez, e apoiado ademais pola rexedora de Barcelona, Ada Colau. Todos eles, case a coro, apelaron á mobilización do electorado cara ao 25S.

En torno a un milleiro de persoas recibiron a En Marea nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. O encontro gañou temperatura política cando o alcalde compostelán lanzou a primeira chamada á tensión da tropa. “Toca mobilizarnos, hai unha maioría de cambio que non pode quedar na casa para laiarse ao día seguinte”. “Non quero o lamento do día seguinte, non quero o maís mínimo lamento, toca mobilizarse para que non nos escriban a historia” apelou.

Noriega: "Toca mobilizarnos, hai unha maioría de cambio que non pode quedar na casa para laiarse ao día seguinte"

Noriega, como Ferreiro e Colau, evocan as súas propias experiencias electorais nas municipais de 2015 para afirmar que, tamén desta volta, “é posible”. De momento, ironizou o alcalde coruñés, Alberto Núñez Feijóo xa actúa como o tamén popular Carlos Negreira antes de perder o poder herculino. “Non precisaba ir a debates, agachaba as siglas do PP nos carteis” e agora “xa ninguén se lembra del, agás nalgún xulgado”.

Coa atmosfera xa máis quente -se cadra, máis que en ningún acto da formación no que vai de campaña- ascendeu ao escenario a tamén líder de Barcelona en Comú. “Tedes a enorme responsabilidade non só de pelexar polo voso pobo e pola vosa xente, tamén tedes que enviar unha mensaxe para os pobos do Estado. Tedes que berrar forte con miles de votos que hai marea”, convidou

Villares insta a "dicirlle a todo mundo que temos un proxecto honesto e decente" e cita o "decreto de garantías sociais" como medida prioritaria

Despois de que tanto os alcaldes como os candidatos Antón Sánchez e Luca Chao o presentasen como o vindeiro titular da Xunta -escoitáronse tamén os primeiros berros de “presidente, presidente”, foi a quenda de Villares. “Nós podemos compartir escenario cos nosos amigos e amigas” mentres que “Atila Núñez Feijóo”, de facelo, tería que cederlle protagonismo a Rita Barberá ou a José Manuel Baltar.

“Non vos rindades, saíde, ocupade as rúas, dicídelle a todo o mundo que temos un proxecto honesto e decente”, proclamou o cabeza de cartel no seu discurso máis enérxico no que vai de campaña. A mobilización, asegura, pode dar lugar a “un país xusto” no que, por exemplo, se aprobe un decreto de garantías sociais, regrese a gratuidade dos libros de texto, ninguén teña que “morrer na casa” por falta de orzamento sanitario ou exista a “liberdade” de usar o galego na escola.

“Non nos resignamos, estamos en pé ante os que están cansos”, afirma o candidato e por iso “venceremos nós”, proclamou. No equipo de Villares dáse por seguro de que o treito urbano da carreira electoral pode condicionar a campaña toda e mesmo a posibilidade de que exista ou non un cambio de goberno.

Villares, no mitin da Coruña CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.