En Marea celebrou en Tui o seu acto principal deste sábado. Dende a vila tudense, Luís Villares fixo un chamamento a "impedir o avance "do PP das cavernas" de Casado e a recuperar dereitos. Fronte ás forzas da dereita a formación pide impulsar "unha Galicia feminista e solidaria" e "unha Galicia que pense no ben común".
Villares pediu lembrar "toda a dor e o sufrimento que nos últimos anos provocaron os recortes impostos polo Partido Popular" e os seus "numerosos casos de corrupción"
Villares reclamou lembrar "toda a dor e o sufrimento que nos últimos anos provocaron os recortes impostos polo Partido Popular" e os seus "numerosos casos de corrupción". "Coa reaparición de Rajoy volve o Partido Popular máis corrupto e desvergonzado. Volve o Partido Popular ao que botamos cunha moción de censura por corrupto polo caso Gürtel. Volve o Partido Popular responsable dos recortesen sanidade que mataron tanta xente. Que roubaron as pensións dos nosos maiores. Que quitaron fondos para dependencia deixando desamparadas ás personas máis febles. Volve o Partido Popular que roubou a esperanza a toda unha xeración", dixo o líder de En Marea.
No acto tamén participaron as candidatas ao Congreso por Pontevedra Iris Malvido e Manuel González Moreira. Iris Malvido denunciou "o absoluto desinterese do Partido Popular por Galicia". "Só hai que ver cal foi o traballo dos seus deputados nos últimos anos. Uns deputados que unha e outra vez teñenvotado en contra dos intereses das galegas e galegos", dixo.
Mentres, Manuel González Moreira puxo o foco na sanidade e na necesidade de poñer couto ás privatización e garantir dereitos para o conxunto da cidadanía. "Temos que estar no Congreso e no Senado para garantir o dereito a unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade", subliñou.
En Viveiro En Marea reivindicou a defensa de Alcoa "fronte aos que apostan polas portas xiratorias e permiten a morte industrial da Mariña"
Pola mañá Luís Villares estivo en Viveiro para participar nun acto xunto ás candidatas para o Congreso e o Senado Cristina Pérez Herraiz, Victoria Esteban e Manuel Germade. Villares reivindicou a defensa de Alcoa "fronte aos que apostan polas portas xiratorias e permiten a morte industrial da Mariña"
"É unha boa oportunidade para pedirlle contas a quen é responsable dun dos maiores desastres que se están producindo na Mariña nestes momentos. En relación ao tren, A Mariña perdeu unha oportunidade de futuro por non contar cunha aposta dende o estado durante os anos nos que Rajoy foi presidente. Ademais, estamos vivindo a posibilidade de peche de Alcoa como consecuencia dunha estafa política e dun caso de corrupción institucional promovido polo propio Mariano Rajoy e polo goberno do Partido Popular", dixo Villares.