En Marea denuncia "presións" do PP para abrir un Centro de Saúde en Ourense en campaña electoral

Barrio do Couto, Ourense © Google Maps

En Marea Ourense denuncia "presións" por parte do Partido Popular para facer coincidir a apertura do novo Centro de Saúde do barrio do Couto co inicio da campaña electoral, "obviando a legalidade vixente e xerando confusións nos futuros usuarios" desta instalación. Esta semana o Sergas anunciou a súa intención de inaugurar a instalación, a pesar de non contar cos permisos do Concello (tamén en mans do Partido Popular), que amosou publicamente a súa negativa e as súas discrepancias co anuncio do Executivo autonómico. Finalmente, a Xerencia de Xestión Integrada anunciou a suspensión do evento de inauguración "ao non ter recibido a día de hoxe a licenza de primeira ocupación".

Para a candidatura, “estamos perante un gravísimo uso partidista das institucións por parte do Partido Popular na Xunta de Galicia"

En Marea sinala que no pleno ordinario do Concello de Ourense celebrado este venres "quedou en evidencia que o pretendido anuncio da Xunta de Galicia de apertura deste servizo era contrario á legalidade e aos propios informes técnicos municipais".  O Concello de Ourense, co voto a favor de todas as organizacións políticas con representación municipal, aprobou o mes pasado unha modificación orzamentaria superior aos 700.000€ para urbanizar a contorna desta importante infraestrutura sanitaria. O propio responsable en materia de urbanismo do equipo de goberno do Partido Popular na cidade afirmou que a legalidade vixente obrigaba a acondicionar a contorna e fixaba en 2017 a data de apertura.

Para En Marea Ourense "esta pretendida apertura por parte da administración autonómica sen agardar pola urbanización da contorna amosa que ou ben non visitaron o recinto e as condicións nas que se atopa ou alguén está presionando para axilizar os trámite de apertura”. Para a candidatura, “estamos perante un gravísimo uso partidista das institucións por parte do Partido Popular na Xunta, quen despois de recortar un 20% o orzamento da Sanidade Pública en sete anos, eliminar 500 camas nos hospitais, aumentar as listas de espera, colapsar as urxencias e recortar 1800 prazas de persoal médico, pretendía empregar a apertura deste centro de saúde para promocionar a súa campaña electoral". "O presidente da Xunta que pasará a historia por ser acusado de homicidio por retirar fármacos a enfermos de hepatite C, pretendía agochar a súa xestión en contra da sanidade pública presionando para inaugurar un Centro de Saúde en obras e aínda sen licenza de apertura”, engade.

A formación conclúe que "a apertura dun novo Centro de Saúde en Ourense é unha moi boa nova para todas as veciñas e veciños, en especial para os seus futuros usuarios do barrio do Couto. Con todo, esta debe realizarse coas máximas garantías en materia de accesibilidade e prevención de riscos".

 

Barrio do Couto, Ourense © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.