En Marea e BNG, primeiros grupos en botar a andar na nova lexislatura galega

Os grupos de En Marea e BNG, nas súas primeiras xuntanzas Dominio Público En Marea / BNG

Pasadas as eleccións, o Parlamento segue aí. Na banda do PP pouco muda, agás algunhas caras das persoas que ocuparán os 41 escanos que lles outorgaron as urnas, cuxos 'propietarios' definitivos non se coñecerán ata que Alberto Núñez Feijóo artelle a nova estrutura do Goberno -como en 2009 e 2012, é previsible que deputadas e deputados electos renuncien ás súas actas para exercer cargos na Xunta-. Na da oposición os cambios son maiores tanto na composición dos grupos como na súa correlación de forzas. Neste contexto, dous dos tres grupos da oposición, En Marea e BNG, xuntaron xa por primeira vez os que serán cadanseus grupos parlamentarios para bosquexaren o seu traballo.

Co PP aínda a subliñar en actos internos e públicos a magnitude do seu triunfo e mentres o PSdeG agarda pola resolución da complexísima situación interna do partido, a segunda forza en votos -e, previsiblemente, empatada a escanos cos socialistas agás unha improbable variación por mor do 'voto emigrante' en Ourense-, reuniu este xoves en Santiago a 13 dos seus 14 membros -Luca Chao, número dous pola Coruña, atopábase de viaxe- con Luís Villares á fronte. Na que pode ser considerada como a súa primeira intervención pública a exercer como líder da segunda forza máis votada Villares resaltou que En Marea "é segunda forza do Parlamento" e "exerceremos como tal", tamén na elección de postos na Mesa do Parlamento, proceso no que, como detallou Praza.gal, será imprescindible un acordo pola esquerda.

Villares: "En Marea é a segunda forza do Parlamento e exercerá como tal sen bloqueos, exclusións ou sectarismos"

Neste sentido, Villares non avanza polo momento se explorará o acordo co PSdeG, co BNG ou con ambos, se ben subliña que á nova formación non a "atoparán nos bloqueos, nas exclusións e nos sectarismos", senón "na integración e nunha representación que reflicta a pluralidade" tamén no órgano reitor da Cámara. Cunhas tres semanas por diante para pechar este primeiro pacto, a "primeira toma de contacto" tivo como obxectivo, explica, "ver os puntos fortes e o percorrido de traballo institucional", así como "a aproximación ao traballo de rúa que queremso facer para chegar a todos os sectores". A intención, mantén, é "estar en permanente contacto coa xente" e distribuír responsabilidades no grupo "tendo en conta os puntos fortes de cada deputado e deputada", e non a súa adscripción partidaria alén de En Marea.

Plan Retorna, primeira iniciativa do BNG

Pontón: "Lideraremos unha oposición seria, rigorosa e con ideas"

Poucas horas despois da primeira xuntanza de En Marea chegaba a do BNG. A líder do Bloque, Ana Pontón, acudiu este venres ao Pazo do Hórreo xunto cos restantes cinco membros do que será o seu grupo parlamentario. Agás nun caso, o de Montse Prado -número dous por Pontevedra-, esta foi a primeira xornada das restantes deputadas e deputados na sede do lexislativo. Xunto a Xosé Luís Rivas 'Mini', Luís Bará, Olalla Rodil e Noa Presas quen foi candidata do Bloque á Xunta avanzou que a súa primeira iniciativa na nova lexislatura será o que constituíu un dos eixos do seu programa electoral, o Plan Retorna, o proxecto duns 90 millóns para procurar o regreso de mocidade emigrada.

O Bloque, di Pontón, ten a intención de "liderar unha oposición seria, rigorosa e con ideas que converta o Parlamento no centro da vida política e dignifique a institución" ao tempo que "deixa sentir os problemas da rúa". O primeiro chanzo para facelo, di, é este plan, para o que instará a "consignar un mínimo do 1% dos orzamentos do ano 2017" e "destinar eses cartos á contratación de persoal investigador e tecnólogo e en sectores estratéxicos do noso país". Con iniciativas coma esta, conclúe, procurarán tamén "consolidar e ampliar" o "espazo" electoral obtido o 25S.

Villares e o resto de deputadas e deputados electos de En Marea CC-BY-SA En Marea
O novo grupo do BNG, este venres ás portas do Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.