En Marea e o BNG 'pasan' da homenaxe á Constitución e reclaman o "dereito a decidir"

Pontón intervén no acto do BNG en Compostela © BNG

"Abolida de facto polos constitucionalistas; é momento de proceso constituínte. A Constitución non opera para os dereitos sociais. Funciona só como corsé dos pobos". Con este chío, a deputada por En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, amosou o seu rexeitamento aos actos de homenaxe no 38º aniversario da Carta Magna. Nin a confluencia galega nin o BNG renderon homenaxe ao texto neste 6 de decembro, no que o Bloque levou a cabo o seu propio acto para reivindicar o "dereito soberano de Galicia a decidir".

En Marea non participou nos actos de homenaxe no Congreso e pide unha reforma que respecto o "dereito a decidir"

En Marea, tal e como xa advertira e ao igual que nacionalistas cataláns e vascos, decidiu non participar nos actos de homenaxe no Congreso á Constitución celebrados en Madrid ao entender que a Carta Magna representa un modelo baleiro, caduco e sen sentido para o futuro. O seu portavoz no Parlamento galego, Luís Villares, aposta por unha reforma que inclúa o "recoñecemento ao dereito a decidir", a "blindaxe dos dereitos sociais" e a "supresión das deputacións".

"Non hai nada que celebrar", avisara Villares, que cre que a sociedade galega e a estatal xa están "maduras" para afrontar unha reforma da Constitución que responda á "esixencia democrática" de respectar o "dereito a decidir" dos pobos e que "blinde os dereitos sociais". 

O Bloque, pola súa banda, aproveitou o aniversario da Carta Magna para reivindicar ese mesmo dereito a decidir cun acto convocado baixo o lema Fronte á Constitución española, dereito a decidir e soberanía, este martes fronte ao monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago, que contou coa intervención tamén do secretario xeral de Galiza Nova.

Pontón lembrou que que miles de galegos non votaron a Constitución española pero teñen "opinión" e queren expresala, ao tempo que asegurou que a elección da localización do acto non foi casual. "Estamos aquí porque Rosalía escolleu un camiño do que nós nos sentimos herdeiros: o da reivindicación dos dereitos nacionais de Galicia", afirmou.

"Temos que aspirar a algo máis que a unha autonomía pírrica na que todas as decisións relevantes se tomen a centos de quilómetros"

Neste sentido, proclamou estar nese lugar "porque o seu nacionalismo (o de Rosalía de Castro) contiña unha cosmovisión do mundo favorable á igualdade en todas as ordes e representaba un feminismo transgresor". "Era a resposta a unha integración desigual, marxinal, opresiva, de Galicia no novo estado español centralista e capitalista", subliñou a líder nacionalista.

"Temos que aspirar a algo máis que a unha autonomía pírrica na que todas as decisións relevantes se tomen a centos de quilómetros", advertiu. "Toca facer algo diferente, toca crer no país, abrir un tempo novo que pase por que o pobo galego poida decidir libremente o seu futuro, a comezar por tomar o control do 100% dos recursos e utilizalos para xerar emprego e blindar os servizos públicos e benestar social,", engadiu.

As solucións aos problemas de Galicia, insistiu, "non van vir por pactos entre o PP e o PSOE, nin por reformas constitucionais pensadas e deseñadas dende Madrid". Pola contra, "como nacionalistas", defendeu "o dereito á autodeterminación e a consecución dun Marco Galego de Libre Decisión".

 

Rajoy di que a reforma "non é asunto para ocorrencias"

Pola contra, desde Madrid, nos actos pola Constitución, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, asegurou que a Carta Magna foi "un gran acerto" e dixo estar disposto a "considerar calquera reforma razoable". Con todo, advertiu que calquera cambio debe "preservar a unidade de España, a sobernía nacional, a igualdade dos españois, os nosos dereitos e liberdades fundamentais, a nossa pertenza a Europa e a sanidade, as pensións e a educación". "Non é asunto para ocorrencias", insistiu.

Rajoy está disposto a unha reforma se "preserva a unidade de España e a soberanía nacional" 

Desde Ciudadanos, pola súa banda, Albert Rivera mostrouse moi escéptico de que Podemos decida sumarse ao consenso cando se abra o debate para a reforma da Constitución. Antes, dixo que era "evidente" que había que "modernizar" a Carta Magna pero alertou contra os que queren "dinamitar" a unidade de España. 

Podemos, que estivo representado por Carolina Bescanda e Pablo Echenique, pediron reformar a Constitución para que recolla os "anceios e demandas da cidadanía". "Os que se autodefinen como constitucionalistas son os que violan a diario os dereitos da Constitución: traballo, dereitos do neno, vivenda ou pensións", engadiu Echenique. 

Ciudadanos advirte contra aqueles que queiran "dinamitar" a  unidade de España e o PSOE recea dun posible referendo

Ademais, Unidos Podemos anunciou que protestará formalmente tras quedar Bescansa y Echenique fóra dos actos oficiais. Bescansa e Echenique non puideron acceder ao salón onde Ana Pastor leu o seu dicurso e seguírono por plasma. 

No PSOE, o presidente da xestora, Javier Fernández defendeu que se inicien xa os traballos parlamentarios para reformar a Carta Magna sen necesidade de agardar a que os socialistas celebren o seu Congreso Federal. Ademais, advertiu dos "riscos que todos coñecemos" á hora de abordar a reforma, en referencia a posibles referendos que "lle veñen moi ben ás opcións antisitema". 

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante os actos de celebración en Madrid aproveitou para apostar por que que o PP manteña a súa tese de non actuar contra os imputados ata a apertura de xuízo oral, malia que o pacto subscrito entre os populares e Ciudadanos para a investidura de Mariano Rajoy establece que dimitirán se hai imputación formal.

Feijóo, nos actos polo aniversario da Constitución © Xunta
Luís Villares, voceiro de En Marea CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.