Houbo prórroga e penaltis pero o partido parece acabado. En Marea e Podemos racharon as negociacións logo de non chegar a un acordo sobre a súa posible alianza para as eleccións autonómicas. A presenza en Galicia da número 3 da formación morada, Carolina Bescansa, e do seu secretario de Organización, Pablo Echenique, non desatrancou a situación. Parecía achegarse unha fórmula para encaixar as primarias de ambos lados pero non houbo pacto na fórmula xurídica na que se presentarían. Non haberá coalición, as mareas presentaranse como partido instrumental e só unha volta atrás de última hora do partido estatal e a súa integración na confluencia impediría que se presentasen por separado ás vindeiras autonómicas.
O espazo galego apostou con firmeza na integración "en pé de igualdade" de todos os actores e no partido instrumental tras os acordos da Marea Constituínte celebrada en Vigo no mes de xullo. A dirección de Podemos teimou na coalición e ve inviable diluírse na confluencia, ao tempo que a publicación das candidaturas de primarias de En Marea revelan como destacados membros en Galicia do partido de Pablo Iglesias participan xa no proceso.
Logo de 7 horas de xuntanza "cordial e en bo ton", que remataron preto das 2 da madrugada, ambas partes levantaron da mesa e nin tan sequera se convocaron para outra reunión. "Hai esa diferenza insalvable da fórmula xurídica e, agás que alguén levante o teléfono hoxe para ceder nas súas posicións, o acordo agora non existe", confirman fontes desas negociacións. "Non haberá acordo pois non houbo achegamento con respecto á fórmula de concorrencia", dicía logo nas redes sociais o propio Luís Villares.
Horas despois, Echenique e Bescansa comparecían para recoñecer o "complicado" do acordo polas "diferenzas importantes", aínda que aseguraban que o "intentarían até o final". Xa á tarde, os alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol (Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez) insistían en que a coalición era inviable e recalcaban a necesidade de "respectar os acordos de Vigo", en referencia á Marea Constituínte, e citaban "a adscrición individual" como algo "irrenunciable". Ademais, lembraban a Podemos que, malia que o prazo para as coalicións remata este venres, para unirse ao partido instrumental aínda tería dez días máis de marxe. Por iso, din manter a porta aberta "ata o último minuto" e recoñecen os "bos sinais" que supoñen que a formación morada acepte o candidato de consenso e o sistema de primarias. Falta a fórmula xurídica.
Os tímidos avances non permitiron arranxar o principal atranco: a fórmula xurídica, que é "unha diferenza insalvable"
As posturas, malia o moderado "optimismo" co que En Marea comezaba as últimas negociacións, mantéñense por ambos bandos e a "vía extraordinaria" aberta pola confluencia para poder integrar a Podemos non convenceu a Echenique. Dispostos no espazo galego a seguir aumentando os prazos para que os seus inscritos poidan participar nas primarias, a formación morada insiste en buscar unha fórmula para que o seu partido non se dilúa no proceso, tal e como esixen desde as mareas. Agora, os alcaldes do cambio abren mesmo a porta a un período extra que xa "sería de graza".
Manter a marca e o seu peso político é o obxectivo de Podemos e só se albisca unha integración como partido en En Marea para salvar a situación. A coalición está totalmente descartada e, con todo, o prazo para inscribila remata este venres.
Podemos aceptou non aspirar á candidatura á presidencia da Xunta, pero insistiu nunha "fórmula catalá" de coalición
Fontes da negociación insisten en que a posición de Podemos quedou moi condicionada "pola debilidade da organización en Galicia". "Están convencidos de que non se poden permitir dar ese salto nunha posición tan feble, temen que unha integración na Marea acabe cun partido que aínda está en construción no país", din. Malia todo, a formación estatal fixo concesións para intentar superar os obstáculos: aceptou non presentar candidatos nesas primarias para aspirar á presidencia da Xunta, e dar vía libre a Villares, pero insistiu na "fórmula catalá" dun partido instrumental coaligado logo ás organizacións políticas. O espazo de confluencia non aceptou e lembrou a "lealdade" ao acordado en Vigo e a súa aposta firme por "ir máis aló" das coalicións. Ademais, advirte que un só partido non pode intentar equipararse "a medio cento de organizacións" que renunciaron ás súas siglas.
Nunha última oportunidade, Podemos intentou xogar a baza dun posible problema administrativo de En Marea á hora de inscribir o partido instrumental, oficializado hai xa días, para ofrecer a coalición como última alternativa. Pero nin así. Ambas partes levantaron a noite do xoves ao venres da mesa e "nun ton cordial" convencéronse "mutuamente" de que o atranco da fórmula xurídica "era insalvable". Pero a formación morada non se deu por vencida e apelou a un último esforzo, consciente tamén das repercusións que tería a súa concorrencia en solitario o 25-S.
De ocorrer finalmente, a concorrencia por separado ás autonómicas poría máis atrancos aínda ao labor de En Marea no Congreso e nunha moi dificil situación ao partido morado, onde boa parte das súas bases en Galicia apostan claramente pola confluencia e mesmo participan nas primarias das mareas.