Luís Villares, voceiro de En Marea, e Iván Olmos, candidato ourensán, xunto a outros membros da formación, participaron este sábado nun acto en Verín no que apostaron por abordar “con medidas lexislativas do Congreso dos Deputados” os "problemas da xente normal".
"É o momento de falar disto e ningún outro partido o está facendo”, dixo Villares, que enumerou varias das "medias urxentes" que En Marea propón para "solucionar os problemas diarios das persoas autónomas" como atrasar o pago do IVE ao cobro efectivo das facturas, unha reforma integral do seu réxime e unha mellora das súas condicións laborais.
“Cantas veces as persoas autónomas teñen que pagar o IVE de facturas que non cobraron aínda? É xusto ter que pagar o IVE da factura que se emite antes de cobrala?", pregúntase Villares
“Cantas veces as persoas autónomas teñen que pagar o IVE de facturas que non cobraron aínda? É xusto ter que pagar o IVE da factura que se emite antes de cobrala? Tedes que adiantar os cartos dun imposto dun ingreso que non se recibiu?” Estas son as preguntas que Villares se facía para xustificar a necesidade de modificar o réxime deste imposto. “É preciso modificar un réxime fiscal que afoga ás persoas traballadoras”, afirmou Villares para concluir que “pensamos que non se debe aboar o IVE mentres esas facturas non se pagan e isto é unha medida para a defensa do traballo autónomo e das pemes”.
A mellora das condicións laborais das persoas autónomas foron outro dos elementos aos que o voceiro de En Marea prestou atención. “As persoas autónomas non teñen dereito a poñerse enfermos, á maternidade e á parternidade, a unha baixa ou a irse ao paro. Estas situacións son luxos para eles”, denunciou Luís Villares. Por isto, En Marea propón “unha reforma integral do réxime de autónomos que contemple para estes traballadores o mesmo sistema de prestación que para as persoas asalariadas porque as persoas autónomas teñen que coller baixas por incapacidade temporal porque tamén enferman”.