Luís Villares, voceiro de En Marea, e Iván Olmos, candidato ao Congreso pola provincia de Ourense, visitaron este xoves o Barco de Valdeorras para expoñer as medidas de formación política destinadas ao desenvolvemento industrial da comarca.
“En Marea quere poñer enriba da mesa un plan industrial da comarca, algo que está sendo negado polas políticas do Partido Popular”
En Marea propón aproveitar a concesión feita polo Parlamento Europeo para a aprobación da ampliación do corredor atlántico ferroviario que pasa polo Barco para facer unha promoción industrial que favoreza o asentamento de industrias na comarca. “En Marea quere poñer enriba da mesa un plan industrial da comarca, algo que está sendo negado polas políticas do Partido Popular”, dixo Villares.
O voceiro de En Marea afirmou así mesmo que "os problemas laborais actuais que obrigaron á emigración ante a falta de oportunidades laborais” son "responsabilidade do Partido Popular", que "defendeu a reforma laboral de PSOE" e despois aprobou unha nova reforma que xerou un “empeoramento das condicións laborais das canteiras”. Villares aproveitou para reivindicar o sector mineiro e das canteiras do Barco de Valdeorras pero “nunhas coordenadas xustas laboral e ambientalmente”.
"O PP creou unhas condicións de desfeita ambientais que ata o día de hoxe non están restauradas e foi o que deu lugar á imputación do Director Xeral de Minas", dixo Villares, que reiterou a esixencia de dimisión do Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, trala súa imputación polas “falcatruadas medioambientais e por desenvolver unha política incorrecta de desenvolvemento mineiro polo que non pode seguir ocupando o seu posto un minuto máis”.
Villares aproveitou para reivindicar o sector mineiro e das canteiras do Barco de Valdeorras pero “nunhas coordenadas xustas laboral e ambientalmente”
"A necesidade de que os traballadores gocen dunhas condicións laborais e dun salario digno para poder chegar a fin de mes” é algo "compatible co medioambiente, apostando pola restauración ambiental daquelas canteiras que se pechan, un compromiso das empresas e unha obriga legal. Isto é unha oportunidade laboral e de reciclaxe de emprego”, sinalou En Marea.
Pola súa banda, Iván Olmos culpou ao Partido Popular do despoboamento da provincia de Ourense. Segundo o candidato, “é preciso poñer o foco en medidas para revitalizar o rural e combater o despoboamento, que é un dos principais problema da provincia”. “Somos os únicos que estamos poñendo enriba da mesa a loita contra o despoboamento desde unha perspectiva transversal e defendemos que para asentar poboación ten que haber servizos públicos de proximidade e oportunidades laborais dignas", dixo.