En Marea propón unha moratoria de dez anos á implantación de centros comerciais en Galicia

Luís Villares, na feira de Padrón © En Marea

En Marea anunciou este domingo unha serie de medidas que levaría ao Congreso para potenciar e favorecer o comercio de proximidade e produtos locais e ecolóxicos. Luís Villares anunciounas na feira de Padrón, onde reivindicou “modelos de produción xustos, que favorezan o desenvolvemento das economías locais e permitan coñecer quen é o que produce e a calidade dos produtos”. 

En Marea propón unha reforma da Lei de contratos do sector público que outorgue “preferencia absoluta aos produtos locais, de proximidade e producidos de xeito xusto e ecolóxico”

O voceiro da formación anunciou a súa intención de levar a Madrid, despois do 28A, unha proposta para aplicar unha moratoria por dez anos para a implantación de novas grandes superficies comerciais en Galicia. A aposta de En Marea, aclara, son medidas que “favorezan e impulsen o pequeno comercio e aos produtores locais”. Para logralo prevé tamén unha reforma da Lei de contratos do sector público que outorgue “preferencia absoluta aos produtos locais, de proximidade e producidos de xeito xusto e ecolóxico”. 

Ademais, as propostas de En Marea tamén contemplan unha reforma da Lei de establecementos comerciais que “remate cos horarios desregulados das grandes superficies cos que o pequeno comercio non pode competir”. "É necesario dar ese apoio ao pequeno comercio", reivindicou Luís Villares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.