Escasa sorpresa nas filas da oposición, agás pola hora elixida polo anuncio -durante un pleno do Parlamento, cando se ían desenvolver votacións- coa agardada crise de Goberno propiciada por Alberto Núñez Feijóo para dar saída a Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela cara aos carteis electorais do PP na Coruña e Ferrol. En Marea, PSdeG e BNG lamentan que as remodelacións do Executivo galego sigan os ritmos electorais dos populares e non agardan cambios excesivos nesta nova xeira.
Luís Villares: "O máis grave é o que non se fixo, a destitución fulminante do conselleiro de Sanidade"
A xuízo de Luís Villares, voceiro de En Marea, as mudanzas asinadas polo presidente certifican "o que levamos denunciando todo o ano: o uso partidario e sectario das consellerías" de Mato e Rey Varela para "facer promoción persoal das súas candidaturas". Alén disto, Villares ve constatado o "fracaso" de Ángeles Vázquez e Román Rodríguez en Medio Rural e Educación, áreas sobre as que deixan de ter competencias, e sobre todo bota en falta unha destitución. "O máis grave é o que non se fixo, a destitución fulminante do conselleiro de Sanidade" para así "sancionar politicamente" o falemento dun paciente no PAC da Estrada sen atención médica, subliña.
Gonzalo Caballero: "Este cambio de cromos non vai mudar políticas nin rectificar erros"
Tamén o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, observa razóns meramente electoral por tras do "cambio de cromos" no Consello da Xunta. Feijóo muda caras "en función dos intereses electorais do PP, non do interes da maioría da cidadanía", toda vez que a reestruturación de consellerías "non vai mudar as políticas públicas da Xunta nin rectificar os seus erros". No caso concreto de Mato e Rey Varela o líder socialista observa nos populares temor a "non gobernar en ningunha das sete cidades galegas", de aí que "tente salvar os mobles da caída electoral do PP en España e Galicia" enviando aos ata agora responsables de Medio Ambiente e Política Social dende o trampolín gobernamental.
Ana Pontón: "Non soluciona o problema de fondo: temos un presidente sen proxecto de país, aburrido"
Pola bandan do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, tamén censura que Mato e Rey Varela tras "meses a cobrar por seren conselleiro e conselleira, pero a faceren campaña electoral", o cal "non pasa os mínimos estándares de respecto democrático". Alén disto, sinala a líder soberanista, esta "man de chapa e pintura" non "soluciona o problema de fondo: que temos un presidente sen proxecto de país, incapaz de impulsar os cambios e transformacións que precisa Galiza" e que "mesmo semella estar aburrido de ser presidente".
Onde si abondan os eloxios é nas filas do PP, cuxo secretario xeral eleva o resultado da crise de Goberno ao nacemento "dun novo Goberno para un novo tempo político". As mudanzas, admite Miguel Tellado, están "motivadas" polas candidaturas de Mato e Rey Varela, de quen nega que actuasen en clave electoral dende a Xunta. "Se usásemos o Goberno para impulsar candidaturas, manteríanse no Goberno", razoou.