En Marea realizará unha consulta para decidir a súa posición ante a investidura

Mitin de En Marea en Ferrol na campaña electoral de decembro © En Marea

En Marea consultará ás súas bases para definir a posición das súas deputadas e deputados no Congreso en relación á investidura. A votación, que será vinculante, celebrarase esta semana (o xoves 21 e o venres 22) a través da páxina web da candidatura (www.enmarea.gal). Realizaranse dúas preguntas: "Debe En Marea apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez e baseado no acordo PSOE-Ciudadanos?" e "Debe En Marea continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para alcanzar un goberno de cambio xunto ao PSOE e outras forzas progresistas?", coa opción de responder Si e Non. Os resultados daranse a coñecer o sábado 23.

Poderán participar as persoas que xa se inscribiran o pasado mes de novembro e, ademais, abrirase un prazo de novas inscricións este martes e mércores

Poderán participar as 3.475 persoas que xa se inscribiran o pasado mes de novembro (cando se realizou unha votación para validar as candidaturas) e, ademais, abrirase un prazo de novas inscricións este martes e mércores. Destácase que nesta reapertura do censo aplicaranse "mecanismos de contraste", na acreditación de identidade e votación, "para garantir que votan as bases de En Marea e non interfiren axentes alleos interesados en fixar de forma espuria a nosa posición". Na votación empregarase a infraestrutura da plataforma AgoraVoting, a mesma que utiliza Podemos. Precisamente este luns a partir das 12 do mediodía Podemos dará a coñecer os resultados da consulta sobre a investidura que realizou a pasada semana, e na que participaron 150 mil persoas en todo o Estado, batendo o récord de participación nos procesos organizados pola formación morada.

En Marea explica que leva a cabo esta consulta porque se compromete "a que todas as decisións de carácter político relevante sexan adoptadas polo conxunto das persoas que participan no noso proxecto". Destaca que se trata, polo tanto, dunha decisión "democrática", "autónoma", pois "esta é unha decisión soberana de En Marea, que mantén unha posición concertada con Podemos e En Comú-Podem, compartindo a proposta común de goberno así como a negociación xunto a outras forzas", e que amosa a existencia dun "proxecto unitario" baseado nunha "nova cultura política" que sitúa "a participación en primeiro termo".

 

Mitin de En Marea en Ferrol na campaña electoral de decembro © En Marea
As dúas preguntas que formarán parte da consulta © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.