En Marea reitera o "non" a Sánchez coa vista posta nas eleccións galegas

Unha das intervencións de Pedro Sánchez © Congreso dos Deputados

A partida das eleccións galegas deste ano, aínda con data incerta, comezouse a xogar inmediatamente despois das eleccións xerais. Así o amosaron as forzas políticas pouco despois do peche das urnas o 20-D e así ficou patente este mércores na intervención da voceira de En Marea, Alexandra Fernández, no marco da sesión de investidura no Congreso dos Deputados. No seu discurso, de algo máis de cinco minutos -Podemos distribuíu o seu tempo coas confluencias galega e catalá- Fernández reiterou o "non " a Pedro Sánchez que xa avanzara nos últimos días e, ao tempo, advertiu da, a xuízo da coalición, necesidade de que este desencontro non "empañe" a construción dunha "alternativa" ao PP en Galicia.

Tras comezar a intervención con versos dun poema de Xohana Torres, Fernández sustentou a negativa de En Marea no pacto dos socialistas con Ciudadanos. "Dános a sensación de que fixo o mesmo que as mulas que moven a noria: dar voltas para acabar no lugar do que veñen, inchando as distintas burbullas que terman do réxime do 78", díxolle ao líder do PSOE. O acordo cos de Rivera, ademais de non garantir a investidura, argumentou, teima nas prácticas da burbulla económica, pero tamén na "da corrupción" ou na das restricións socioeconómicas da UE. O "micropacto impotente" é, do seu punto de vista, unha "burbulla" en si mesma a piques de estourar. "Unha vez suceda isto, señor Pedro Sánchez, deixe de crear máis miraxes", esixiu.

Alexandra Fernández agarda que o pacto PSOE-C's non sexa augurio dunha "oportunidade perdida" para unha "alternativa" ao PP en Galicia

No seo da plataforma galega "lamentaremos moito", dixo Fernández referíndose especificamente á representación do PSdeG, se os pactos co partido laranxa, a "oportunidade perdida" por Sánchez "para construír un goberno de esquerdas no Estado", pode "provocar que as xentes do común da nación galega" vexan que non é posible artellar "unha alternativa ao que Xosé Manuel Beiras denominou 'brigada de demolición e etnocidio' que representa o goberno de Núñez Feijóo". "Nós lamentarémolo, pero será o noso pobo quen non llelo perdonará a vostedes", advertiu.

"Para Galicia autogoberno e benestar socioeconómico son dúas caras da mesma moeda"

Para a deputada galega o candidato do PSOE, ao pactar con Ciudadanos, renunciou a "chegar a un acordo que ben podería basearse" nos "conceptos" de "socialdemocracia e profundización democrática" e que para Galicia suporían avances e viraxes "a respecto das políticas de austeridade e do modelo de Estado". "Para Galicia autogoberno e benestar socioeconómico son dúas caras da mesma moeda e non se poden separar", advertiu, ao tempo que reclamaba a aplicación de medidas como "voz en Europa" para os sectores primarios galegos ou compromisos concretos a respecto de ENCE ou do accidente de Angrois. "Revisar unha concesión non é revogala, nós queremos ENCE fóra da ría" e, igualmente, "nós queremos unha comisión de investigación" do sinistro do Alvia en Santiago, resaltou.

Respostas no PSOE

Sánchez lamentou que En Marea e Podemos indiquen que apoian a autodeterminación

O discurso de En Marea non tivo resposta específica na quenda de réplica de Sánchez a Pablo Iglesias, Xavier Domènech e á propia Alexandra Fernández. Así, a única mención a Galicia no retruque do candidato foi para advertir a Iglesias de que o PSOE non apoiará o dereito de autodeterminación en ningún territorio do Estado. "A que se están referindo, a que ten que haber dereito de autodeterminación do pobo galego, señora Fernández?", preguntou mentres Fernández asentía dende o escano. "Esa é a peor maneira de fracturar España, advertiu.

Besteiro: "Tivemos unha actitude coa Marea que nin sequera tivo Podemos"

A intervencion de Fernández foi respondida tamén, dende Galicia, polo secretario xeral do PSdeG.  Nunha visita á ría do Burgo, cuxa rexeneración o PSOE ofreceu financiar dentro da oferta de pacto realizada a En Marea, Besteiro istou a coalición a "dicir claro se queren cambio" ou "prefiren que siga Rajoy". "O Partido Socialista -afirma- tivo unha actitude coa Marea que nin sequera tivo Podemos", xa que "puxo sobre a mesa reivindicacións e preocupacións de Galicia". A xuízo de Besteiro "hai moitos puntos" de coincidencia coa formación impulsada por Anova, Podemos e EU, por iso o PSOE "segue coa man tendida".

Alexandra Fernández, intervindo na sesión de investidura © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.