"En Vimianzo a moción non é de censura, é de corrupción"

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo CC-BY-NC-SA BNG

A vida política de Vimianzo foi calquera cousa menos tranquila nos últimos lustros. A capital da terra de Soneira tivo na Alcaldía durante máis de vinte anos a Alejandro Rodríguez, o característico rexedor que gobernou baixo as siglas do PSdeG ata que foi expulsado no ano 2009 por achegarse ao PP e, segundo a dirección federal do PSOE, chegar a pedir o voto para os conservadores. Xa fóra das filas socialistas Rodríguez puxo en marcha Independientes por Vimianzo, formación pola que concorreu ás eleccións municipais de 2011, tras as que non chegou a recoller a súa acta de concelleiro. Aqueles comicios deixaron un complexo panorama no consistorio, con tres edís do PSdeG, outros tantos de Independientes, os mesmos do PP e catro do BNG, que asumiu a alcaldía na persoa de Manuel Antelo. Menos de dous anos despois, unha alianza non menos peculiar que o ex rexedor tenta tombar o goberno local.

O pasado sábado sete concelleiros da corporación rexistraron unha moción de censura contra Antelo. Son os tres de IxV, dous socialistas e dous populares, xa que nin o voceiro do PSdeG nin o do PP secundaron a operación. Os edís censores basean a súa moción en motivos clásicos neste tipo de operacións: "desgoberno", "ingobernabilidade absoluta", "perda de confianza" ou "autoritarismo" e promoven como alcalde a Manuel Rodríguez, ata agora no grupo socialista. Tanto a dirección nacional do PSdeG como a provincial do PP xa se apresuraron en desautorizar os edís rebeldes e en desmarcase da censura, se ben pouco máis poden facer que instalos a non culminala, xa que as actas pertencen a cada concelleiro, e non ao grupo polo que foron elixidos. Mentres, o alcalde amósase convencido de que non se enfronta a unha "moción de censura", senón a unha "moción de corrupción".

A moción está impulsada por edís do PP, do PSdeG e independentes pero os voceiros popular e socialista non a apoian

En conversa con Praza Pública o nacionalista rexeita a existencia dos motivos que alegan os censores. Malia gobernar en minoría -o Bloque formalizou un pacto de goberno co PSdeG, rachado polos edís socialistas apenas tres meses despois- Manuel Antelo argumenta que, en apenas ano e medio, o consistorio pasou "dunha situación herdada, con 1,5 millóns de euros de impagamentos" a ter "un remanente de tesouraría de 112.000 euros", sendo ademais "un dos poucos concellos que non tivemos que recorrer a un plan de axuste, nin facer un ERE nin recortes", todo "grazas aos veciños, que entenderon que durante o ano 2011 nos dedicamos a sanear as contas, para completalo en 2011 e entrar en 2013 con liberdade dende o punto de vista económico".

"Saneamento democrático" tras ordenar as contas

Pero "despois de sanear o concello economicamente" o grupo de goberno apostou por "sanealo democraticamente", explica. E foi neste punto no que se activou "a moción que viñan anunciando dende que eu asumín a alcaldía". Pero, en que consiste ese saneamento democrático? Por exemplo, explican dende o goberno municipal, en "abrir expedientes disciplinarios" contra "funcionarios vinculados familiarmente a parte dos asinantes", entre eles un dos encargados "dos contadores da auga". Neste caso, sinalan a este diario, "había un presunto delito contra a facenda pública" porque, por exemplo, o contador da auga dunha das concelleiras que agora impulsan a moción de censura "era cero" e "tivo que pagar 4.000 euros". "Outro dos asinantes, que ten un negocio dende hai máis de dez anos, empezou agora a pagar a auga".

"Vimianzo vive unha transición política tras vinte e cinco anos de corruptelas", di o alcalde

Outro dos expedientes abordados e que derivou na imputación do ex alcalde por presunta corrupción e tráfico de influencias foi o vinculado á construción da casa da cultura da vila, tramitada en período electoral supostamente á marxe dos cauces legais e adxudicada a empresas presuntamente vinculadas tamén "á empresa dun dos asinantes". "Por obras feitas fóra de contrato pagamos preto de 700.000 euros", ilustra Antelo. Estas, di o alcalde, son só dúas mostras de "máis dunha ducia de imputacións relacionados con esta xente", concelleiros e concelleiras que, asegura, daban sustento a un verdadeiro "monopolio" de empresas que contrataban co concello e que "perderon" os seus privilexios co cambio de goberno.

Vimianzo, subliña Antelo, está "vivindo unha transición política tras vinte e cinco anos de corruptelas" e por iso esta moción de censura é unha verdadeira "bomba de lama que lle pode estoupar nos fuciños a Feijóo". Se o presidente da Xunta "quere dar unha imaxe de que vai combater a corrupcion, aquí ten unha oportunidade" porque se a moción "sae adiante, é porque el quere". Mentres agarda acontecementos Antelo, sensiblemente afectado polo que está a suceder, sinala que segue a recibir apoios "de xente do BNG", pero tamén de militantes e simpatizantes "do PSOE e do PP". "Queremos dignificar a nosa vila", reivindica.

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo CC-BY-NC-SA BNG
Membros de IxV, con Alejandro Rodríguez á fronte © Independientes por Vimianzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.