Entre que opcións dubida o 24% de galegos e galegas que aínda non decidiron o seu voto?

Principais dúbidas entre os indecisos galegos, segundo o CIS Dominio Público Praza Pública

A enquisa preelectoral do CIS, publicada hai dez días, e que Carlos Neira analizou polo miudo, indicaba que en Galicia unha cuarta parte dos votantes aínda non decidira a quen apoiar o 20 de decembro, unha cifra semellante á de anteriores convocatorias. Os datos analizados por Neira permítennos observar cales son as principais opcións entre as que estes votantes indecisos e indecisas estarían dubidando. Ou estaban, tendo en conta que o traballo de campo do CIS, con ao redor de 1.300 enquisas no noso país, ten como data central o 6 de novembro.

Entre ese 25% de votantes indecisos, PP/PSOE (13,6%), EnMarea/PSOE (11,1%), PP/Ciudadanos (9,6%) e EnMarea/Ciudadanos (8,4%) son as principais dúbidas, seguida da opción PSOE/Ciudadanos 5,9%. As dúbidas entre outras parellas de candidaturas aparecen con porcentaxes moi inferiores: En Marea/NÓS (1,5%) ou PSOE/NÓS (1,5%) son as únicas relevantes.

En total, se sumamos as respostas na que aparecen as distintas forzas como opción posible entre os indecisos e indecisas, atopamos que PSOE (36,2%) e Ciudadanos (28%) son os partidos que poderían acceder (ou non) a unha maior cantidade de votos actualmente indecisos, aproveitando a súa situación, na que compiten por votos á súa esquerda e dereita. PP (26,8%) e En Marea (23,4%) tamén suman unha importante proporción de posibles votos actualmente en dúbida. O 4,4% dos indecisos valora votar a NÓS.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.