Equo-Galicia reforzará a súa liña política propia para o país no seu primeiro congreso

Celebración do segundo aniversario de Equo © Equo

Equo-Galicia colle folgos. A formación ecoloxista celebra esta fin de semana o seu primeiro congreso co obxectivo de "fixar unha liña política de actuación" no país e reforzar a súa aposta galega. Con ese propósito busca "a opinión" de todos os seus afiliados e simpatizantes para "contribuír ao cambio de modelo social, conseguir as metas de equidade social, a democracia participativa e a ecoloxía política".

Será este sábado e domingo no Monte do Gozo de Compostela cando se celebre un cónclave que contará coa presenza do coportavoz federal de Equo, Juan López de Uralde, así como de Yolanda Díaz, coordinadora de EU e vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), coalición na que tamén se inclúe Equo Galicia.

"O principal obxectivo é fixar as liñas políticas propias en Galicia; a nivel federal temos uns principios compartidos, pero hai que adaptalos á problemática galega"

Cuns cen afiliados e máis de trescentos simpatizantes en Galicia e un traballo "voluntario" de todos eles e da súa recentemente elixida comisión executiva -que se presentará no congreso-, Equo Galicia pretende mellorar a visibilización da formación alí onde se compartan os seus ideais, pero tamén naqueles ámbitos onde xa traballan participando e colaborando con diversas asociacións e plataformas. Aínda que ese non é o seu obxectivo principal. "O principal obxectivo deste cónclave é fixar as liñas políticas propias en Galicia; a nivel federal temos uns principios compartidos, pero hai que adaptalos á problemática galega, porqeu non é o mesmo o rural galego que o do sur de España ou a pesca do Mediterráneo coa que hai aquí", aclara Ángel Montero, coportavoz da formación e organizador do congreso.

"Se grazas ao congreso ampliamos a nosa visibilidade en Galicia e se nos coñece máis, pois moito mellor, pero a nosa idea prioritaria non é facernos máis visibles, senón marcar e reforzar as nosas liñas políticas", engade Montero, que lembra que os recursos económicos son escasos. "Non podemos gastar cartos en publicidade ou grandes actos na rúa, pero grazas á comunicación entre persoas e ao maior coñecemento imos aumentando o número de afiliados, aínda que tampouco é algo que nos obsesione", di.

En cantó á experiencia de AGE, Montero declárase "contento" pola experiencia e en sintonía coa proposta política que a coalición está a manter no Parlamento. "A nosa relación coas tres formacións que completan Alternativa é boa e procuramos traballar sempre o máis conxuntamente posible", continúa, tras advertir de que a aposta de Equo Galicia é a de consolidar "unha fronte ampla de partidos de esquerdas".

Equo-Galicia aposta por "consolidar unha fronte ampla de partidos de esquerdas"

No entanto, e de cara a futuras colaboracións noutras citas electorais, Montero aclara que "dependerá do que os afiliados e simpatizantes decidan". "Antes dos comicios autonómicos celebramos unha asemblea e a opción maioritaria foi a de acudir en AGE ás eleccións; estamos contentos co resultado, pero non podemos determinar o que ocorrerá máis adiante", insiste.

No Congreso, haberá varios encontros para a participación como catro laboratorios de ideas, un debate sobre as eleccións europeas e unha charla-coloquio sobre a Rede Equo Xove. Ademais, presentarase a reccentemente elixida Comisión Executiva, así como a Mesa Nacional de Equo-Galicia, "o que suporá a posta en marcha dunha estrutura organizativa que permitirá o despegue dun xeito novo de facer política baseada na ecoloxía, na equidade e na democracia participativa".

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.